O Concello do Incio dará o nome de Marica Campo ao souto do campo da festa de Val do Mao con ocasión dunha xornada de homenaxe á escritora -natural desta parroquia- que se celebrará o 15 de xuño. Os actos será organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co apoio do Concello, a Deputación e Consellería de Cultura.
As actividades comezarán ás 11.30 horas na praza do Concello, onde haberá intervencións do presidente e da secretaria da AELG -Cesárea Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas-, do escritor Xosé Ramón Freixeiro Mato, da alcaldesa Laura Celeiro e da propia homenaxeada. Máis tarde, ás 13 horas, no campo da festa do Val do Mao descobrirase un monólito cunha placa conmemorativa dedicada á escritora.
Posteriormente, ás 14.30 horas, celebrarase no restaurante A Veiga un xantar de confraternización ao que poderán asistir os veciños do Incio e todas as persoas interesadas. Para participar no xantar é necesario confirmar previamente a asistencia -ata o día 10- no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981 133 233, de luns a venres. O prezo do menú será de trinta euros.