O cinema feito na comarca de Lemos véndese en DVD

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

AMANITA FILMS

Amanita Films comercializa en formato dixital as súas producións

26 ene 2013 . Actualizado a las 15:29 h.

A produtora cinematográfica monfortina Amanita Films prepárase para distribuir en DVD a curtametraxe Birthday, rodada en xuño do ano pasado en Monforte e dirixida por Ana Lambarri. Esta será a segunda experiencia de comercialización en discos dixitais da empresa monfortina, que xa editou neste formato o filme Un cobarde, dirixido por David Rodríguez e filmado en Monforte e A Pobra do Brollón no 2011.

A edición en DVD de Un cobarde foi presentada en Madrid na última edición dos premios Goya, onde se venderon en torno a cincocentos exemplares. A boa acollida animou á produtora a editar e distribuir no mesmo formato outras películas. A seguinte será a mencionada Birthday, pero tamén están a prepararse copias de Esliva, a primeira produción da firma, realizada por Lois Patiño e rodada no 2010 en escenarios naturais da Serra do Courel. Máis adiante preténdese facer o mesmo con Deil, a primeira obra de Amanita Films en cadrada no xénero do terror -rodada o pasado outubro na parroquia soberina de Vilaescura e dirixida tamén por David Rodríguez-, que se encontra actualmente en fase de produción.

Axuda ao financiamento

Iván Patiño, fundador e principal responsable da produtora, considera que esta fórmula é un recurso interesante para contribuír ao financiamento das súas actividades. «Como estamos funcionando sen subvencións de ningún tipo, a venda en DVD das nosas películas pode axudarnos a conseguir fondos», explica. «A idea é facer unhas tiraxes de en torno a catrocentos exemplares e vender as copias a un prezo bastante módico, como fixemos con Un cobarde, que se vendeu a cinco euros», engade.

Por outro lado, a produtora ten previsto rematar dentro dun par de meses o proceso de produción de Deil, que se espera teña unha boa acollida comercial, dada a ampla popularidade de que gozan actualmente os filmes deste xénero. Ao igual que fixo coas súas anteriores producións, Amanita Films tamén moverá esta película no circuíto dos festivais especializados en curtametraxes. «Pero agora imos esforzarnos especialmente para que teña máis presenza no circuíto galego, porque con Un cobarde non o conseguimos, a pesar de ser unha produción realizada integramente en Galicia e por unha empresa do país», sinala o produtor. «Este filme foi ben acollido en festivais celebrados noutras comunidades, como Asturias ou Canarias, e en Elche levou un premio concedido polo público, pero nin no festival de Lugo nin en ningún outro de Galicia se interesaron por el», agrega.