Afonso Eiré: «Para o franquismo, Belesar foi moito máis que un encoro»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O escritor rememorará en Chantada a historia do salto hidroeléctrico

13 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor e xornalista Afonso Eiré dará o sábado unha conferencia -no Casino de Chantada, ás 20.30 horas- sobre a historia do encoro de Belesar. Eiré, que investigou amplamente este asunto, xa o abordou nun capítulo do seu libro Chantada na historia e non descarta a posibilidade de dedicarlle unha obra máis específica e extensa.

-¿Que pegadas deixou na comarca de Chantada a construción da presa?

-Grazas a esas obras, houbo un momento en que Chantada foi o municipio galego con máis bares e cantinas. Pero desde que terminou a construción, en 1963, as perdas foron moito maiores que os beneficios. O desemprego e a emigración creceron moito nos anos seguintes. E a pesar de ter aquí o que foi o maior salto hidroeléctrico de España, o subministro de enerxía eléctrica continuou sendo moi deficiente. Ademais, co paso dos anos, o persoal que traballaba na presa foi reducíndose ata o mínimo a causa da automatización.

-¿As obras deron traballo a moita xente da zona?

-Deron, pero non moito, porque entre a xente que estivo empregada nesas obras a porcentaxe de veciños da comarca era de en torno a un 30%. E cando acabaron, a maioría deles foron traballar na construción doutros encoros ou noutras actividades, co cal a comarca perdeu moita xente en idade produtiva e capacitada para facer traballos de certa complexidade. A maioría dos traballadores viñan de fóra e entre eles había moitos presos políticos, algo aínda habitual nesa época. Os presos cobraban 14 pesetas ao día -menos que os peóns, que cobraban 17- e o Estado quedábase co 75% das súas ganancias. Os que máis cobraban eran os arquitectos e enxeñeiros, aos que se lles pagaban 1.200 pesetas. Curiosamente, a diferenza entre os soldos máis altos e os máis baixos era bastante menor que a que vemos hoxe en moitos sitios.

-O réxime franquista publicitou especialmente este proxecto.

-Si, porque para o franquismo Belesar foi moito máis que un encoro hidroeléctrico. Foi todo un símbolo. No seu momento foi un proxecto moi novidoso polas dimensións da presa e as técnicas empregadas na súa construción, e a ditadura non deixou de utilizar todas estas cousas para a súa propaganda. Un detalle que descoñece moita xente é que o edificio da presa é un remedo da Casa del Fascio, unha obra emblemática do réxime de Mussolini que o arquitecto Giuseppe Terragni construíu xunto ao lago de Como, no norte de Italia. Outro aspecto que cómpre lembrar é que Belesar foi o último encoro que se construíu en Galicia sen que houbese protestas organizadas. A situación foi moi diferente algúns anos despois en Castrelo de Miño, onde houbo unha oposición bastante forte e a xente conseguíu ao menos que lle pagasen máis polas súas terras expropiadas.

-¿En que medida afectou ao modo de vida tradicional dos habitantes da ribeira?

-Nese sentido foi un desastre. O encoro fixo desaparecer do mapa doce poboacións e moitas vivendas ailladas, anegando grandes superficies de viñedos e cultivos. Houbo moita xente que non quedou sen casa, pero perdeu as súas mellores terras. O río cambiou por completo e desapareceu a pesca tradicional. Ademais das perdas materiais, extinguiuse tamén toda a cultura popular inmaterial que xiraba en torno a ese modo de vida.

-¿Hai aspectos desta historia que sigan sendo descoñecidos?

-Hai un detalle do que oín falar moito, pero do que non puiden encontrar aínda ningunha proba escrita. Trátase da participación alemá no deseño e na construción do encoro. Sempre oín dicir que entón andaban por aquí bastantes alemáns, pero non achei ningún testemuño documental desa presenza. A historia do encoro en xeral está moi pouco estudada e divulgada. Nas miñas investigacións non puiden encontrar ningún traballo específico sobre este episodio a pesar de ser tan recente. Eu mirei nos arquivos de Fenosa, pero hai moita documentación e non a puiden examinar toda. E hai outras fontes de información sen estudar a fondo.

afonso eiré escritor chantadino