Emilio Sánchez admite que é moi complicado lograr a permanencia
17 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Emilio Sánchez cambiou de cometido no Sober ao principio de tempada. Deixou a presidencia, que asumiu Víctor Fernández, e pasou a ser o adestrador do equipo. A campaña non está indo nada ben, posto que o equipo é último con tan só dúas victorias. O técnico recoñece que a falta de compromiso e de competitividade ao comenzo de liga pasaron factura e que aínda que matemáticamente é posible, a salvación está moi complicada.
-¿Que lectura fai da tempada?
-A campaña ligueira está sendo moi negativa, porque ao comenzo de tempada custounos confeccionar un equipo competitivo e comprometido, e iso pasou factura. Hai que dicir tamén que as lesións prexudicáronnos claramente, e tampouco tivemos sorte.
-Pero agora, o equipo mellorou
-Si, agora os futbolistas están comprometidos, pero estar na última praza pasa factura no apartado anímico, e non resulta doado remontar. O que teño que dicir é que se estamos abaixo na clasificación é por erros propios. Esta categoría está a ser igualada, pero cun nivel baixo.
-¿Ve factible que o equipo poida salvar a categoría?
-Matematicamente é posible, pero resultará moi complicado porque tan só restan trinta puntos por xogar e nós temos unha importante desvantaxe con respecto aos postos de permanencia -son catorce puntos-. De todos os xeitos, nós intentarémolo.
-¿Empezando este fin de semana ante o Santa Comba?
-Efectivamente, empezando ante o Santa Comba. A vantaxe que temos é que non vamos tan presionados, porque sabemos como estamos na táboa.
-¿Que cometido prefire, o de presidente ou o de adestrador?
-Síntome máis cómodo como adestrador, porque o que me gusta é o contacto diario cos futbolistas e os adestramentos, e estar máis cerca do equipo. Adestrar é o que máis colma as miñas aspiracións. Non obstante, aquí hai que facer de todos. Víctor é o presidente, pero eu son o que levo a xerencia do clube.
-¿Como ve o futuro?
-Moi expectante. Hai un rumor e un ruxe ruxe dunha posible fusión, da que nin nós nin o Río Sil sabemos nada. Haberá que ver se ese proxecto o presenta oficialmente o Concello. Eu non estou nin a favor nin en contra. Só me pronunciarei cando me presenten esa iniciativa, se é que chega.
-¿Pensa continuar no Sober a vindeira campaña?
-Se o equipo non descendese a miña intención era deixalo, pero se perdemos a categoría continuaremos polo menos unha tempada máis.
-¿Contan con moitas axudas?
-Con moitos ánimos si, pero a única axuda que temos é a subvención municipal.