«Case todos os xuízos son en galego»

La Voz

LEMOS

A xuíza Elvira Cangado ten moito que ver no feito de que o xulgado de Chantada sexa dos que máis traballan en galego. Se non fan máis, asegura é porque a propia Xunta non facilita modelos de documentos oficiais neste idioma.

-¿Que porcentaxe da documentación do xulgado de Chantada se escribe en galego?

-Ao redor do 30% do total. E os xuízos fanse en galego praticamente o 100%. Só empregamos o castelán nos casos nos que vén algún avogado de fóra e nos manifesta que non entende o idioma.

-¿Por que non se tramitan máis documentos en galego?

-É curioso, pero despois do recente cambio do sistema informático, nos xulgados temos menos modelos de documentos escritos en galego que antes. É competencia da Xunta incorporalos, facilitarnos eses medios, pero o feito é que faltan moitos. Así que se non xeramos máis documentación en galego é por falta de modelos cos que traballar nesta lingua no sistema informático Minerva. Isto non pasa nin no País Vasco nin en Cataluña. En Cataluña, a documentación está en catalán por defecto. Aquí parece que imos cara atrás.