Novos itinerarios para observar as aves da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Turgalicia promove na zona catro rutas ornitolóxicas a pé e en bicicleta

24 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O repertorio de rutas turísticas da Ribeira Sacra incrementouse co trazado, por parte de Turgalicia, de catro novos itinerarios dedicados á observación das aves neste territorio. Estas rutas son para percorrer en bicicleta ou a pé, a diferenza dos dous primeiros itinerarios ornitolóxicos preparados por esta entidade na zona -difundidos a principios deste ano-, que estaban pensados para facer en automóbil. A descrición de todas estas rutas pode verse nunha sección especial da web de Turgalicia dedicada ao turismo ornitolóxico.

Tres destas novas rutas discorren polo territorio lucense e a cuarta ubícase na provincia ourensá. Dous itinerarios sitúanse no municipio de Sober, un deles entre Bolmente e Ferrón e o outro entre Sampil e o santuario de Cadeiras. A terceira ruta ubícase en Ribas do Sil, entre Augas Mestas e A Covela. A cuarta discorre polo municipio ourensán de Parada de Sil, pasando polos lugares de Castro e Caxide.

Estes itinerarios súmanse ás mencionadas rutas de automóbil, que van de Castro Caldelas a Sober e dos Peares a Castro Caldelas, percorrendo as marxes dereita e esquerda do Sil.

Turgalicia recomenda a Ribeira Sacra xunto con outras nove zonas de Galicia especialmente indicadas para a observación de aves. Na provincia de Lugo figuran tamén neste apartado os humidais da Terra Chá e os montes de Cervantes, na Serra dos Ancares.

Polo momento, as rutas ornitolóxicas promovidas por Turgalicia non inclúen a Serra do Courel, a pesar de que esta zona é a única do sur lucense á que se dedicou de forma exclusiva unha guía de observación de aves en forma de libro, que foi publicada no 2004 pola editorial especializada Lynx.