Un gandeiro chantadino trata de sortear a crise facendo queixo e postres
30 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Ricardo Gómez ten unha granxa leiteira e unha certeza: non quere traballar o dobre para manter o seu nivel actual de renda. E está convencido de que ao sector non lle queda outra, que cando chegue a fina das cotas lácteas el e os seus colegas terán que incrementar produción se queren sobrevivir. Por iso está estudando deixar de ser un simple suministrador de leite á industria e cun amigo e socio -o concelleiro chantadino Xesús Mazaira- prepara a posta en marcha dunha empresa nova para transformar o seu produto noutro con máis valor engadido. Se todo sae como eles agargdan empezarán polo queixo.
-¿Por que empezar un novo negocio coa que está caíndo?
-Porque non me quero ver obrigado a aumentar a producción unha media dun 7% ao ano, que é o que calculan os expertos que se terán que dimensionar as granxas galegas se se queren manter cando acabe o sistema de cotas lácteas. Non quero ser escravo da miña empresa.
-¿E como quere evitalo?
-Levo moitos anos traballando nisto e sei que somos o último escalón, non temos a quen lle repercutir os nosos incrementos de custe. Porque ao final o que só vende materia prima nunca é o que se pon as botas. En Galicia, coa excepción da pesca, que hai moitas conserveiras, a materia prima do sector primario transfórmase toda fóra.
-¿Porse a elaborar queixos ou outros derivados lácteos é unha alternativa para o sector ou trátase en realidade dunha cuestión de supervivencia?
-Eu creo que co final das cotas de produción, ou vas a dimensionarte máis ou ben transformas e xeras valor engadido. Os custes de produción nunca deixaron de subir e o prezo do leite está no nivel de hai trinta anos. E dá a impresión de que se vai manter moi estable durante anos. Con este panorama, só imos poder aspirar a manter renda a costa de medrar, de traballar moito máis.
-A perspectiva non é boa.
-A situación é moi mala. Non pecharon máis grandeirías porque todos os sectores están así. Aos bancos non lles interesa embargar unha granxa. Están embargando moitas outras cousas, e hoxe por hoxe unha granxa non a queren para nada.
ricardo gómez gandeiro