Un dos mestres da Nouvelle Vague, Claude Chabrol, asinou no 2006 (catro antes de finar), unha das tantas películas magníficas que fixo ao longo da súa traxectoria: Borracheira de poder. O filme narra a historia dunha xuíza de instrución, interpretada pola sempre excelente Isabelle Huppert, que se encarga de desentrañar e instruír un complexo escándalo de movemento e malversación de fondos e no que está implicado o presidente dun importante grupo industrial, coa conivencia dos poderes públicos.
A medida que avanzan as investigacións desta maxistrada e se ven os interrogatorios, sempre coa minuciosidade de Chabrol, case dun entomólogo, as presións dos poderes xudiciais, políticos e empresariais aparecen como unha ameaza sobre ela. O traballo aumenta, e póñenlle a outra xuíza como apoio das investigacións, da que recela nun primeiro momento, pero logo será un dos poucos piares nos que se pode soster.
Iso si, este tipo de actuacións pásanlle factura na súa vida privada e tamén en forma directa de ameazas de morte. Ademais, a reflexión de Chabrol sobre a presenza dunha muller forte e dominante nun mundo de homes sérvelle para deixar claro que a sociedade mudou nos últimos anos e o machismo, aínda que persiste, está sendo destruído polo «poder» da muller. O poder da xuíza ten un límite cando ela se dá conta de que a Xustiza ás veces non é igual para todos e que hai un poder máis grande ao que non se pode facer fronte, un poder máis grande que calquera xuíz e que calquera código penal: o diñeiro.
A realidade sempre supera á ficción, e menos mal, porque a Xustiza sempre debe prevalecer sobre os cartos e o poder.