Anotación de setembro

Rubén Eyré

LEMOS

15 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

ETodo flúe, todo muda, nada permanece: dicía Heráclito de Éfeso. Así, segundo esa teoría, ninguén se pode bañar dúas veces no mesmo río; ocurre que non seriamos nós os mesmos, nin a auga sería a mesma. En calquera caso, nós os de antes xa nunca somos os mesmos, apoutou Pablo Neruda. Semella triste e non menos certa esta realidade de Neruda, semella. De todos os xeitos Machado, un chisco antes de morrer, deixou nun bolso da chaqueta uns versos: Estos días azules, este sol de la infancia... Que son un soño real deses seus tempos.

Por iso, «aínda que nada che pode devolver a hora do esplendor na herba, a gloria das flores, non debemos aflixirnos porque a beleza subsiste na lembranza», escribiu William Wordsworth poeta británico. Dalgunha maneira a infancia é unha etapa que queda en nós de por vida por moito que mudemos. Co paso do tempo imos agochando aquilo que por natureza nos veu dado nesa hora de excepción. Os meniños de África que teñen a tristeza da fame nos seus ollos, non apagan na súa boca o inocente sorriso da nenez. Sorriso que manteñen até que o corazón lles para de latexar ante grande a hipocrisía do mundo.

«Nada reflicte mellor a nosa decadencia que o espectáculo dunha farmacia» -dixo Ciorán- «Nela todos os remedios desexables para cada un dos nosos males, pero ningún para o noso mal esencial; para aquel do que ninguha invención humana pode curarnos». Que mágoa non fuxir da barbarie que estamos sendo, quedando en nós forzas de aquilo que fomos para poder ser aínda outra cousa. Todo home, en percepción de Epicuro, sae desta vida como se hai pouco tivese nado.