Por teléfono

Xulio Xiz

LEMOS

14 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Estou pensando darme de baixa do teléfono fixo, porque non fago por el unha sóa chamada, que o móbil lle ten gañado a dianteira hai ben tempo, e porque por el me asaltan todo tipo de ofertas ás horas máis intempestivas.

A última, do Círculo de Lectores para venderme un seguro exclusivo para o selecto club ó que pertenzo desde hai catro décadas.

Xa outras veces me acosaron por este medio con igual motivo. Nesta e noutras ofertas as chamadas prodúcense á hora de comer, sabendo que é a hora máis axeitada para encontrarme na casa.

De pouco vale que ás primeiras palabras un indique que xa ten colmadas todas as súas necesidades en canto a seguros. O argumento é que o meu seguro actual non pode compararse coa oferta que poden facerme gracias ó acordo cunha grande compañía que resulta ser a mesma coa que manteño algún dos meus seguros. E non remata a chamada ata que se me formula a oferta de enviarme unha póliza gratuita a proba para que poida comprobar as vantaxes.

Seguro que o sistema funciona, porque hai tempo que o utilizan, e son varias as compañías que o utilizan. Pero ou o tema é insoportable, ou eu me vou voltando cada vez máis cascarrabias, porque estas chamadas intempestivas case sempre me irritan, aínda que os hábitos que me inculcaron desde pequeno me obriguen a manter unha suposta educación que ás veces me costa conservar.

Por eso, non se me ocorre mellor solución que dar de baixa o teléfono. Así, suprimido o mensaxeiro, evitareime mensaxes non desexados en horas intempestivas.