Chegou a Monforte o espectáculo que recrea a obra do poeta
30 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Nos últimos meses, e xa na recta final das Letras Galegas, o equipo encabezado por Antón Reixa orquestrou unha considerábel campaña publicitaria arredor da montaxe. Anunciábase unha posta en escena de carácter anovador e interdisciplinar, caracterizada por unha «ambiciosa escenografía audiovisual» e unha «linguaxe fresca e nova» que pretendía chegar ao «público máis novo» e tamén ao «espectador profano». Porén, despois da representación, na cabeza da crítica, e tamén da espectadora, sexa profana ou entendida, sempre no intento de contrastar o que vimos co que nos prometeran, multiplícaronse as preguntas.
Comezamos. ¿Por que unha proposta que pretende ser anovadora recorre á declamación e ao recitado clásico? ¿Por que falan con micrófonos, exprésanse cunha perfecta dicción e evitan o contacto co público, se o que pretendían era unha comunicación directa con este? ¿Por que insisten en ilustrar os poemas, en mostrar imaxes tautolóxicas que redundan nas palabras en vez de encarnalas ou darlles corpo? ¿E para que incorporar a tecnoloxía se non aporta nada que non estea xa no discurso verbal?
Máis preguntas. ¿Por que botan man dunha estética contemporánea cando o que querían era recrear o mundo de Lois: o punk, a contracultura, a néboa, os bares? ¿Por que procurar un sentido lóxico, naturalista nunha obra que se resiste á lectura evidente, ao simple comentario de texto? ¿Como se pode falar de invernías, revoltas ou do suor dos ferroviarios coa inxenuidade da nena que fala da súa mascota? ¿Onde está a furia, o compromiso, a intensidade da obra de Lois?
Falta risco
E despois das preguntas, as suposicións. Talvez a visión empresarial primou sobre a dirección artística. Talvez por causa de chegar a todos os públicos é que o contido máis subversivo e revolucionario de Pereiro foi sacrificado. E non concordo con que a xente precise de culleradas de azucre para dixerir a vida, como recomendaba Mary Poppins naquel «clásico Disney».
Ao final, o que pretendía ser «un paseo descarnado, espido e comprometido coa obra de Lois Pereiro» rematou semellando, ao meu xeito de ver, unha versión edulcorada desta.
Unha certa «inflación»
Apuntaba nun artigo o escritor Carlos Negro que talvez a cuestión de fondo sexa que a figura de Pereiro estea a padecer unha certa «inflación», e mesmo saturación, que non abondan nun mellor coñecemento da súa poética e pensamento. Proxectos coma este Mundo Lois falan de universalizar a súa obra pero ás veces nese proceso pérdese o local, o epidérmico, o próximo. E o peor de todo, pérdese o íntimo. E é precisamente nese terreo onde mellor se movía o noso poeta.
Ao final do espectáculo, rescatamos unha única verdade: a imaxe do propio Lois falándonos da súa escrita, da vida e tamén da morte. Así as cousas, eu quedo coa frase de Carlos Negro: «Non esquezan o principal: lean a Lois Pereiro».
crítica teatral «Mundo lois»