Unha serie documental en proxecto

La Voz

LEMOS

A ECC sumouse a un proxecto impulsado pola Fundación Félix Rodríguez de la Fuente que, en caso de levarse a cabo, comprendería a filmación dunha serie documental de televisión sobre a Serra do Courel e outras dúas zonas de montaña do norte da Península. A posta en marcha deste proxecto está actualmente pendente da concesión dunha axuda por parte do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.

A iniciativa encádrase nos proxectos da Plataforma Convergencia Rural-Naturaleza (RuNa), que teñen por obxectivo resaltar e fomentar a importancia do medio rural como xerador e custodio da biodiversidade. O proxecto en que se implicou a estación universitaria de Seoane desenvolveríase de forma conxunta no Courel e en dúas áreas de alta montaña de Asturias e Palencia. Entre outras actuacións, está previsto realizar unha serie televisiva de doce capítulos sobre os valores naturais e culturais destes tres territorios.

A posibilidade de que a ECC participase dalgún xeito nas iniciativas da plataforma RuNa xa foi suxerida durante os actos de inauguración da estación por Benigno Varillas, coñecido naturalista, documentalista e escritor que se encarga da coordinación deste proxecto.

Varillas apuntara entón que Serra do Courel é unha zona especialmente adecuada para promover iniciativas de desenvolvemento económico non agresivas co medio ambiente, que poderían abranxer campos como a agrogandería, o turismo e as diferentes modalidades do teletraballo.