¿Industria?

Rubén Eyré

LEMOS

A nanotecnoloxía estase aplicando en produtos alimenticios. Noutras palabras, digamos que son varios os alimentos «atómicamente modificados» que se permiten comercializar sen ningún reparo. Nada se fala dos efectos adversos que esta nova aplicación vai producir nos nosos corpos. Pola contra, algo se sabe dos beneficios astronómicos que isto supón nas potentes industrias do sector.

Tampouco nada se di do arroz combinado con xenes humanos. Pois 3.000 hectáreas de terreo están producindo en Kansas este «cereal?Frankenstein» coa aprobación do goberno dos Estados Unidos. A compañía que o desenvolve (Ventria Biosciencie) mostra o experimento como unha ferramenta eficaz para combater a pertigueira -primeira causa de morte no Terceiro Mundo- como se iso fose o obxectivo. Agocha esta compañía que o seu verdadeiro propósito é enriquecerse incluíndo proteínas deste arroz en bebidas, postres e iogures. Moi axiña a pezoña estará entre nós. Pero as perigosas consecuencias para a saúde só encherán unha páxina máis no groso libro das ocultacións.

Igual para subliñar sería a clonación por trasplante nuclear. Segundo parece, coa desregularización da carne e do leite clonado, a Unión Europea vai permitir poñer á venda este tipo de produtos «ilegais, inmorais e pouco seguros». Paradoxalmente, as herbas medicinais que teñen detrás de si centos de anos de uso, son agora prohibidas.

En todo caso, vendo que na catástrofe nuclear de Fukushima o que máis lles preocupa son as perdas económicas na industria, xa nada é de estrañar.