Verde, verde

Carlos Ferreiro

LEMOS

01 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Pois a min gústame así. Que queren que lles diga? Así, verde. Digo verde porque a Muralla de Lugo cada vez é máis verde. Máis verde e menos marrón, ou gris, segundo se mire. Así, verde, ten un toque moito máis? ecolóxico? Cuberta de herbas parece máis un ser vivo e menos un monumento inerte. Agora que chega a primavera xa verán cando se cubra toda de margaritas. Vai quedar moi? hippy? Viría a ser algo así como a hipótese de Gaia, pero aplicada a un monumento patrimonio da humanidade. Non sei que pensará de isto a Unesco porque, claro, a idea é un pouco rompedora: tapar unha muralla romana con herbas. Ler isto do coidado da muralla soaralles un pouco a déjà vu. Lóxico. Fai dous anos, máis ou menos, falabamos aquí mesmo de que a administración autonómica non limpaba a muralla e falabamos, tamén, de competencias, de incompetencias, de competentes e incompetentes. Como no tema do emprego, vamos. E é que o partido popular onde non lle interesa, e Lugo non lle interesa, ten tres respostas tipo: a culpa é de Zapatero, non teño competencias ou, non por ser a última a menos orixinal, a culpa é do burato que deixou o bipartito. Así nos vai. O color do PP en Lugo é sen dúbida o verde: verde para a Muralla, verde no corredor da mariña (aquí xa medran eucaliptos), verde nas leiras do parque empresarial de As Gándaras (que no ten empresas), verde nos terreos onde xa tiña que estar levantado o Auditorio, verde que xa crece no vello hospital abandonado? Verde ou marrón, segundo se mire. Con este «can verde» xa so nos falta un Jesús Quintero. Ou non.