O sur lucense garda valiosos vestixios dunha antiga industria artesanal
20 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Os municipios de Sober e O Incio conservan algúns dos escasos vestixios que quedan en Galicia da antiga industria cereira artesanal, unha actividade que desapareceu en tempos aínda recentes, pero da que hoxe hai moi poucos rastros. Nas localidades de Anllo San Martiño e Noceda están os dous únicos lagares de cera que puideron localizar ata agora na provincia lucense Damián e Diego Copena -economista e enxeñeiro industrial, respectivamente-, que realizan desde hai anos un amplo estudo sobre esta actividade tradicional. Destas dúas vellas cererías quedou un importante conxunto de artefactos que, en opinión dos investigadores, presenta un estado de conservación bastante satisfactorio e permite reconstruír o proceso de elaboración de cera.
Os materiais consérvanse nas casas particulares das familias dos antigos cereiros, que gardan tamén moitos recordos daquelas actividades. A cerería de Anllo San Martiño funcionou ata finais dos anos 60, polo que aínda son bastantes as testemuñas desta tradición desaparecida e totalmente descoñecida para moitos veciños da comarca.
Damián Copena resalta o singular valor histórico e etnográfico deste patrimonio, sinalando que en toda a Península son contados os lugares onde poidan verse actualmente un obradoiro deste tipo. «Hai estudos que non mencionan máis de quince lugares en toda España e nós coñecemos como oito sitios en toda Galicia», apunta a este respecto.
Conservación e restauración
Os lagares de Anllo e Noceda, a xuízo dos investigadores, merecen ser conservados e restaurados dentro do posible. «Son dos poucos testemuños que quedan dunha actividade que estivo moi estendida e poden ser un elemento de moito interese para promover o turismo cultural nestes municipios», afirman.