O último bruxo de Chantada

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

O compoñedor Manuel Fernández mantén unha clientela fiel

19 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cas de Pedro é sinónimo de medicina popular na comarca de Chantada, pero a casa que visitamos non é de ningún Pedro. Alí viven Manuel e María Dolores, na Casa do Atador como anuncian as súas tarxetas de visita. Os dous forman un equipo que comparte ciencia e crenza para arranxar os males do corpo da xente que alí chega. E non só da comarca e arredores, conta Manuel, de 67 anos: «Aquí vén xente da Coruña, de Lugo de Vigo, do Carballiño, de Quiroga, ten vido xente de Portugal, acaban de marchar agora uns de Anllo de Sober». De moitos lugares, pois atopámonos a uns centos de metros do marco das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra.

A quen nunca fora a esta aldea de Carballedo dende Chantada non lle vai ser doado chegar. Escondida entre os lindes das Serras do Faro e A Martíñá, é preciso ir preguntando a xente dos lugares por un labirinto de estradas e cruces, ata dar coa freguesía bañada por un río Asma case que recén nado, pero con forza para que esta se chame Santa Cristina de Asma. No lugar de Cas de Pedro e nunha casa das do fondo vive o compoñedor, non é un edificio de paredes brancas e lisas nin quen sae a recibir leva bata verde. É unha construción de aldea cunha arquitectura característica desa pedra do Faro de Carballedo de forma regular, a cabalo entre cachote e sillar, e que tan boas construccións deu.

Ao tocar o timbre non hai que coidarse do mastín cabreado, pois a cadea que ten non dá para que chegue ata a porta. Sae Manuel Fernández Gil acompañado da sua dona María Dolores Torres Blanco para falar da súa actividade como curandeiro, atador, compoñedor, «e para nada compositor, que eso é outra cousa», bromea. Ou bruxo. «¿É esta a casa do bruxo?, así preguntan moitos que chegan aquí por primeira vez», cuenta.

También a pezoña

Pero ten que quedar claro, precisa Manuel, que a súa especialidade e a de arranxar os ósos, aínda que tamén saiba curar as pezoñas. «Aquí non hai outra cousa que as mans», os útiles principais do seu traballo, entrenadas cos anos e cunha técnica herdada do seu sogro, que a herdou tamén do seu pai, e que este aprendeu logo de traballar sete anos nun hospital en Cuba. Coas mans detecta un escordamento, un dislocamento ou unha rotura, sempre que apareza algún destes casos utiliza unha vendaxe. «Cando vén alguén cun óso que vexo que está roto, mándoo ao médico e póñolle xeso para un traslado seguro».

Non son poucas as veces que nota a desconfianza nos que chegan queixándose dun pé e el os convence que a dor ben do xeonllo, facéndolles notar co seu tacto que é así. Así gáñase habitualmente a súa confianza. Estes labores fainos nun cuarto da sua vivenda, pegado ao que parece ser unha sala de estar con cómodos sofás, que fai a función de sala de espera. E cando esta se enche faise sitio na cociña.

Chegado o momento de levar un óso ao seu sitio, Manuel intenta evitar a dor coa árnica macerada en alcol, logo de frotar a zona a mover e pasado un rato para que faga efecto, tempo que aproveita para contar un chiste ou un conto, axusta o óso sen avisar para que apenas sinta nada.

Nada de ir ás patacas

Igual que a un deportista se lle manda evitar certos movementos logo dunha intervención traumatolóxica, Manuel adapta os seus consellos á realidade na que vive. Aquí fálase de non ir as patacas en varios días, pois andar pola terra branda favorecería a aparición dun novo escordamento.

Manuel advirte que os pés son os alicerces do corpo, e que non coidalos pode influír noutros males, como lle pasaba a unha muller que lle chegou un día á consulta queixándose da columna, e el sanouna amañándolle os pés.