Preparan en Monforte un obradoiro de cultura urbana
12 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O breakdance, o beatbox e o skate, unhas modalidades artísticas e deportivas que non acostuman aprenderse mediante ensinanza regrada, conforman o programa duns obradoiros de cultura urbana que impartirán a concellería de Xuventude de Monforte e a asociación cultural Vella Escola entre os meses de marzo e maio. A iniciativa ten un precedente nuns cursos de curta duración que se organizaron no municipio o ano pasado e que tiveron unha boa acollida.
Os obradoiros están dirixidos a persoas de entre 12 e 30 anos de idade -preferiblemente empadroadas no municipio- e terán unha duración total de sesenta horas. A iniciativa foi presentada onte no instituto Río Cabe pola concelleira Estrella Formoso e por dous dos profesores que impartirán estas clases, Pablo Castiñeira e Moncho Gey. Segundo explicaron, o breakdance terá un papel destacado no programa e ocupará a metade das horas lectivas. A matrícula é gratuíta -pode formalizarse xa na oficina xuvenil do Concello-, pero as prazas limitaranse en principio a 25, aínda que o número poderían ser algo maior se hai unha demanda importante.
Venres polas tardes
As clases impartiranse os venres polas tardes cun horario que aínda está por definir e que se compatibilizará cos das actividades académica dos participantes. A mediados de maio, por outro lado, organizaranse dentro destes cursos algunhas actividades -que se darán a coñecer no seu momento- relacionadas co Día das Letras Galegas dedicado ao poeta monfortino Lois Pereiro.
Pablo Castiñeira e Moncho Gey explicaron por outro lado que o obxectivo destes obradoiros e proporcionar aos participantes unha experiencia mínima para que despois poidan seguir praticando pola súa conta estas disciplinas. A asociación Vella Escola, unha vez finalizadas as actividades, poderá facilitarlles asesoramento sobre estas técnicas e sobre encontros, concursos e outras iniciativas relacionadas con elas.
O breakdance, ao que se dedicará unha grande parte dos obradoiros, é unha modalidade de danza xurdida nos anos 70 nas comunidades afroamericanas de Estados Unidos e está moi vinculada coa chamada cultura hip hop, ao igual que o beatbox, unha técnica consistente en producir coa boca e un micrófono os sons da batería e doutros instrumentos. A esta cultura urbana está tamén moi ligado a prática do skate ou monopatinaxe.