Lombao cre que xa existen mecanismos suficientes ante posibles problemas
06 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda que algúns non o queiran ver así, as asociacións de pais de alumnos teñan moito que dicir no eido educativo. De facer escoitar a súa voz encárgase na provincia lucense a Federación de asociacións de pais de alumnos de centros educativos de Lugo (Fapacel), que agrupa a máis dun cento de asociacións luguesas. A súa presidenta, que leva oito meses no cargo, logo de seis anos formando parte da Federación, repasa nesta entrevista os asuntos que están de actualidade en materia educativa.
-Como representante das asociacións de pais, ¿cales son os asuntos que máis lle preocupan?
-Como pais e nais de alumnos estamos preocupados polo fracaso escolar e polo elevado abandono dos estudos, entre outras cousas porque non sabemos moi ben como atopar unha solución a ese problema, que require do esforzo de todos: pais, profesores, administración... Preocúpanos tamén a situación do alumnado inmigrante, do transporte escolar e dos comedores, sobre todo dos xestionados polas Apas, que pensamos que deberían ser asumidos pola Xunta e facerse cargo deles, porque as asociacións de pais de alumnos están para outras cousas.
-¿Que opinión lle merece a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa?
-Non estamos en contra de que exista unha norma que regule un pouquiño as posibles situacións conflitivas, pero cremos que xa contamos con mecanismos suficientes para controlar iso. Están os Consellos Escolares, o Observatorio da Convivencia, e orientadores e educadores sociais que participan nos centros, aínda que deberían participar máis. Pensamos que en Galicia non é necesario chegar ao estremo dunha Lei de Convivencia como a que quere implantar a Xunta, porque as incidencias son mínimas, e de existir algún problema grave, quédase dentro dos centros, porque estes son suficientemente autónomos como para poder resolver eses problemas sen necesidade de que haxa unha lei dese tipo. En canto ao de participación, os pais si queremos participar nos colexios, pero queremos facelo de xeito máis directo, non a través dunha enquisa, que vai nunha soa dirección e que ti non sabes como vai repercutir, porque ninguén cho di nin te informa de cal vai ser a resposta a esa consulta.
-¿Como ve a situación da educación pública en Lugo?
-O ensino público está ben considerado na provincia de Lugo, pero o que está facendo a Xunta é desprestixialo. Fronte a eses ataques, nós o que temos que facer é defender o ensino público e tratar de demostrar que funciona ben.
«A Xunta debería facerse cargo dos comedores que xestionan as Apas»