Problemas administrativos e económicos retrasan o proxecto de Cogami para o club náutico de Quiroga
14 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) reununciou a iniciar este ano as obras de transformación do complexo turístico de Augas Mestas, en Quiroga, xa que as dificultades administrativas e de financiamento obrigaron a aprazar a posta en marcha deste proxecto. Como xa se informou en anteriores ocasións, a intención de Cogami é converter este espazo nunha residencia turística adaptada para personas discapacitadas, pero aberta a todo tipo de público. De momento, porén, nin sequera chegou a formalizarse a cesión do club náutico por parte da Deputación, algo que en principio estaba previsto levar a cabo o pasado abril.
David Silva, representante de Cogami, admite por un lado que hai problemas para achar os fondos necesarios, debido en boa parte á crise económica e aos recortes presupostarios das administracións. «Tamén hai obstáculos de tipo administrativo, porque nós esperábamos algunha axuda do Leader e encontrámonos con que vai ser case imposible contar con financiamento comunitario a causa precisamente de que o club náutico foi construído no seu día con fondos europeos», explica.
O feito de que o complexo turístico estea situado nun territorio da Rede Natura supón por outro lado unha importante limitación para trazar as obras de reforma quepretende realizar Cogami. «Ao estar nunha área natural protexida hai que planificar con moito coidado a intervención e por iso xa tivemos que introducir varias modificacións no proxecto que manexábamos ao principio», apunta Silva.
Plano de ordenación
A isto súmase a necesidade de adaptar o proxecto ao plano xeral de ordenación municipal de Quiroga, agora en curso de elaboración. Segundo indica Silva, «o Concello mostrou unha actitude de colaboración moi positiva, pero o feito de que plano de ordenación estea aínda sen aprobar supón unha dificultade engadida».
Os responsables de Cogami indican así mesmo que este ano resultou bastante complicado para a actividade da confederación de discapacitados, que ten que atender a outros proxectos e actividades en diferentes partes de Galicia cuns recursos limitados. «Entre unhas cousas e outras -comenta David Silva-, o proxecto de Augas Mestas non puido avanzar moito nos últimos meses, pero queremos retomalo canto antes».
Para comezar, nunha reunión interna que se levará a cabo a semana próxima, os responsables do proxecto revisarán a situación en que se encontra, estudarán como resolver os problemas con que tropeza a iniciativa e buscarán posibles fórmulas para o financiamento. O horizonte para a reforma do náutico quirogués sitúase agora no próximo verán.