Lume no castro da Besta

Natalia Díaz MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

A parroquia de Vilelos foi escenario na medianoite do venres dunha nova edición do folión de fachas

26 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Con puntualidade case británica, ás doce da noite do venres acendíanse as primeiras fachas no campo da festa da parroquia de Vilelos, no municipio do Saviñao. Unha vez todas prendidas, un total de cincuenta, comezou o desfile cara o castro da Besta. Rapaces e maiores portaban cadansúa facha.

Superada a distancia que separa o campo do castro, os participantes no folión de fachas formaron un círculo seguindo o perímetro do castro, e volveron baixar cara o campo da festa, para depositar os seus fachos nunha fogueira común e prenderlle lume aos máis grandes, que arderon ao tempo que os Festicultores Troupe, encargados de animar o ambiente ata ben entrada a madrugada, comezaban a tocar os primeiros temas.

A gran participación dos veciños fai que ano tras ano esta tradición acade máis auxe e non faga máis que consolidarse co paso do tempo. Noutros anos o número de fachas xiraba en torno a corenta, pero nesta ocasión foron cincuenta as que arderon en Vilelos.

Os membros da asociación veciñal de San Martiño de Vilelos, encargados de organizar o folión dende hai tres anos, notaron un incremento de veciños que non participaran no ritual con anterioridade, así como de persoas de fóra, que por diversas razóns están vinculadas co pobo ou que son coñecedoras da tradición e que quixeron asistir coa súa facha.

Á consolidación deste ritual contribúe especialmente a implicación da xente nova da parroquia, que fai que lonxe de perderse, teña garantida a súa continuidade. E foi precisamente neste ano cando a presenza dos rapaces do pobo foi máis notable ca nunca.

Orixes celtas

O folión de Vilelos ten ao parecer as súas orixes na época celta. Segundo sinalan dende a comisión organizadora, esta tradición era unha ofrenda que os labradores lle facían aos deuses en agradecemento polas boas colleitas. Co paso do tempo o rito foi adquirindo outros fins, e tamén era empregado para anunciar o comezo das festas en Vilelos aos veciños das parroquias lindantes. Unhas festas que continúan hoxe. Logo de que onte actuase a cantante procedente do Incio, Lucía Pérez, a xornada comezará cunha misa solemne ás 13 horas. A sesión vermú e a verbena estarán amenizadas pola orquestra Emperadores.