Carlos Herrero volverá o luns ao seu despacho na Facultade de Ciencias e asegura que o primeiro que fará será poñerse ao día e estudar porque, despois de oito anos «moi apaixonantes e moi demandantes de traballo» ao fronte da Vicerreitoría de Coordinación do Campus, di que ten que actualizarse.
-¿Cal é o balance dos dous mandatos?
-Positivo. Voume razoablemente satisfeito porque os grandes logros están, practicamente, conseguidos. Nestes oito anos houbo retos bastante importantes: desde unha recondución dunha situación económica delicada nos primeiros anos ata unha adaptación á LOU das normativas, estatutos e o modelo de contratación de persoal. E terceiro, o Espazo Europeo de Educación Superior. Tocounos practicamente enteiro, dende a súa posta en marcha ata a súa finalización, que remata agora. Nas infraestruturas deuse un salto importante: temos o edificio Cactus, o de Vicerreitorado e o de Ciencias, a sé do Ibader, a Estación Científica do Courel, e o plan Lugo 2015. Queda por pechar a xestión de licitación do edificio da Escola de Enxeñaría Civil, que é xa obriga da Deputación, de acordo co plan que asinamos.
-O plan Lugo 2015 foi polémico na campaña ao Reitorado.
-Creo que se entendeu un pouco mal. A proposta do Campus 2015 perseguía dous obxectivos. Primeiro, ter o solo ao oeste da avenida de Madrid expropiado, cousa que conseguimos na parcela 1, 4, e 11 a través dun convenio coa Deputación. Feito esto, o espazo de crecemento do Campus estaba rematado; polo tanto, tiñamos que buscar unha alternativa de ampliación para o futuro, que non para nós. Fíxose cunha negociación co Concello e cun reflexo no Plan Xeral de Ordenación Municipal, no que hai unha reserva de 30.000 metros cadrados á outro lado da avenida de Madrid. Se alguén entendeu que nós queríamos construír tal o cal edificio, o obxectivo non era ese. E as infografías que nós puxemos é porque as parcelas si teñen apelido: a 1 é de servizos e temos que facer residencias ou o que sexa; na 4 podemos facer edificios docentes o investigadores, é dicir: ou facultades, ou centros de investigación ou edificios de transferencia. Punto. E si queremos facer un pavillón, hai que facelo na parcela 11, non hai máis.
-¿Hai algo que quixera facer e non puidera?
-¿Podíase ter feito máis? Sempre. Esa é a insatisfacción que me levo. ¿Quería máis titulacións e edificios? ¡Pois claro! Eu sempre quero máis. Pero hai que ter conta de quen somos, onde estamos, dos recursos que hai e da situación que vivimos. Houbérame gustado que o edificio da Vicerreitoría se rematara enteiro, incluso coa parte de abaixo. Houbérame gustado inauguralo todo, igual que o novo edificio de Ciencias, pero non teño grandes espinas cravadas. Eu vexo sempre o positivo.
-É no persoal, ¿con qué se queda?
-Quédome cos grandes amigos que fixen. Traballei moi a gusto con moita xente, os meus compañeiros foron sempre magníficos e, sobre todo, quédome co reitor. A vicerreitoría é un cargo polo que debería pasar todo o mundo, porque dáche unha visión da casa moi interesante.
-¿É que fará o luns cando se erga?
-Á facultade. Teño un despacho no que teño que actualizar case todo. Hai nova bibliografía e teño que poñerme a estudar, sobre todo no relativo á docencia. Na investigación estiven conectado e fixen cousas na medida do posible, pero no método docente teño que traballar duro. Probablemente marche a Estados Unidos para facer unha estancia de investigación. Hai que poñer certa distancia.
-¿Que lle di ao próximo equipo?
-Deséxolles toda a sorte do mundo porque a sorte e o traballo deles será a da Universidade.