A concellería de Xuventude de Monforte organiza unha festa cultural aberta á participación de xente nova
09 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A concellería de Xuventude de Monforte ultimou o programa da xornada festiva que preparou coa idea de abrir a celebración do Día das Letras Galegas á participación do sector xuvenil. Estas actividades levaranse a cabo o próximo día 15 na praza de Ponte Fontecha -en torno á estatua do poeta Manuel María- e no seu entorno.
O programa de actos comezará ás doce do mediodía cun recital de poemas de Uxío Novoneyra e Manuel María musicados e cantados por Paula Vázquez, Alfonso Campos e Xesús Verao, membros do grupo musical soberino O Trícole. Seguidamente, un grupo de alumnos da aula teatral do Concello, dirixidos pola actriz e profesora Helena Seijo, escenificarán os poemas de Novoneyra Galicia e Nova mocidade . Seijo, integrante da compañía teatral ourensá Sarabela, leva varios meses impartindo esta aula a unha trintena de alumnos de todas as idades.
Recital
Seguidamente comezará un recital de poesía galega no que tomarán parte Saleta Goi -viúva de Manuel María-, as actrices Helena Seijo e Nunci Valcarce, o alcalde Severino Rodríguez, o poeta, músico e cineasta Antón Reixa e un grupo de universitarios.
Sobre a unha da tarde principiará unha lectura de poemas na que participarán alumnos dos centros de ensino do municipio, os colectivos literarios Amárgama e Poetas da Ribeira Sacra e representantes dos sectores de hostalería, comercio e medios de comunicación. Neste recital tamén poderán tomar parte os veciños de todas as idades que o desexen.
A celebración continuará a última hora do día, a partir das 21.15 horas, cunha actuación da asociación cultural Amigos da Pandeireta e da banda de gaitas e a coral do Concello que se ofrecerá nas escalinatas da praza da Compañía.
Ás doce da noite, para rematar, haberá na pista do Parque dos Condes un concerto de rock a cargo dos grupos monfortinos B'Puppets e The Poet's Silence.