En memoria de Azaña

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

Unha exposición e un ciclo de conferencias recordan en Monforte a figura do último presidente republicano

07 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha exposición e un ciclo de conferencias recordarán en Monforte a figura e a obra do político e intelectual Manuel Azaña, o último presidente da Segunda República, nunha iniciativa impulsada pola galería Sargadelos xunto coa Asociación Manuel Azaña de León e o Concello.

O programa de actos destas xornadas foi presentado onte por Antonio Cardelle, responsable da mencionada galería; o alcalde Severino Rodríguez; o presidente da referida asociación leonesa, Joaquín Rodero, e Félix González, secretario de finanzas de Izquierda Republicana -o partido fundado por Azaña en 1934-, que achega unha parte do material histórico que poderá verse na mostra. A iniciativa, segundo explicaron, ten a finalidade de difundir o coñecemento dun período histórico moi esquecido que tivo unha importante influencia na evolución democrática do Estado español.

Programa

A exposición «Manuel Azaña e a Segunda República» será inaugurada na galería Sargadelos ás 20.15 horas. As conferencias serán pronunciadas ao longo deste mes na Casa de Cultura, sempre con este mesmo horario.

A exposición está formada na súa maior parte por documentos históricos orixinais, entre os que figuran páxinas do manuscrito do libro Mi rebelión en Barcelona , publicado por Azaña en 1935. Na mostra poderán verse tamén exemplares de diferentes xornais da época republicana e da Guerra Civil, así como selos de correos, moedas e outros materiais.

A primeira conferencia, o día 14, versará sobre o proxecto de Estado de Azaña e correrá a cargo de Manuel Muela Martín-Buitrago, presidente del Centro de Investigación y Estudios Republicanos. A segunda será pronunciada o día 21 por Mirta Núñez Díaz-Balart, profesora de historia de comunicación social da Universidad Complutense de Madrid, e tratará sobre os problemas de orde pública no período republicano. Na última xornada, o día 28, o xornalista e escritor Isabelo Herreros Martín-Maestro falará sobre o labor político e cultural de Manuel Azaña.