Pola responsabilidade no consumo

C. López

LEMOS

Taller de Solidariedade, A Cova da Terra e Solidariedade Internacional promoven unha serie de actividades que culminarán o sábado coa xornada dedicada ao comercio xusto

04 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O segundo sábado do mes de maio celébrase o Día internacional do comercio xusto. En Lugo, as organizacións que actúan neste eido -A Cova da Terra, Solidariedade Internacional e Taller de Solidariedade- aproveitarán para sacar á rúa o seu traballo, nunha xornada de celebración, pero tamén de reivindicación. Pero antes dese día xa irán desenvolvendo toda unha serie de actividades ao longo desta semana. Delas deron conta onte Clara Raposo, Iago Palmeiro e Beatriz Teijeiro, de A Cova da Terra, e Rafael Veiga, de Taller de Solidariedade.

Para empezar, esta mesma tarde, ás sete e media no local de A Cova da Terra, darase a coñecer a campaña «Mobilízate pola selva» e celebrarase un cinefórum arredor do documental «Sangre en nuestros móviles». Esta campaña é un chamamento á xente para que doe os móbiles que xa non usa e unha invitación a reflexionar sobre a problemática existente arredor da explotación do coltan, o mineral que se emprega na fabricación dos teléfonos móbiles.

Segundo os representantes das citadas organizacións, coa recollida de móbiles en desuso non só se está contribuíndo á súa reutilización, senón tamén a reducir a demanda dos seus compoñentes. Os fondos que se recaden ao recoller e reciclar os móbiles irán destinados aos programas de conservación, desenvolvemento e educación na República Democrática do Congo, que está a desenvolver o Centro de recuperación de chimpancés do Instituto Jane Goodall en Tchimpounga.

Mañá, ás oito e media da tarde no local de Taller de Solidariedade, presentarase un vídeo arredor de todo o que representa o comercio xusto. Trátase dunha actividade de sensibilización para que a xente coñeza en que consiste esta práctica, a través, por exemplo, do que fan unha mulleres dunha comunidade de Filipinas.

Baixo o título «A construción do inimigo interno», o xoves, novamente no local de A Cova da Terra, ás sete da tarde, celebrarase unha charla sobre inmigración. Trátase de ver como os movementos sociais de poboación chegan a provocar confrontacións e mesmo nalgúns casos xeran focos de pobreza. No desenvolvemento desta charla os organizadores van contar co grupo Cambalache, de Oviedo.

Teatro e talleres

Como colofón a todos estes actos, o sábado celebrarase o Día do comercio xusto. Como noutras edicións, desde ás once da mañá na praza Maior de Lugo haberá mesas informativas, postos con produtos de comercio xusto para a súa degustación e venda, e talleres dirixidos principalmente aos nenos, así coma un concurso de debuxo. As novidades desta edición son unha xincana de obradoiros e unha obra de teatro sobre comercio xusto. Ambas propostas correrán a cargo de Mundo Piruleta.

As organizacións animan á xente a participar e agradecen o labor dos voluntarios que fan posible a celebración destas actividades.