O consorcio turístico divulga as paisaxes da zona cunha serie de vistas panorámicas accesibles en Internet
13 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O consorcio da Ribeira Sacra acaba de pór en marcha un novo recurso para a promoción turística, ofrecendo no seu portal de Internet unha serie de vistas panorámicas interactivas das paisaxes e monumentos característicos da zona. O novo servizo, que aínda está en fase de desenvolvemento, será presentado no posto informativo que o consorcio abrirá o xoves no Salón Internacional do Turismo de Barcelona.
Por agora, o portal do consorcio ofrece seis vistas panorámicas tomadas en diferentes miradoiros da zona: Cabo do Mundo (O Saviñao), Pena Pombeiro (Pantón), A Capela (A Pobra do Brollón), Parada de Sil e o castelo de Castro Caldelas. Deste último lugar hai unha vista diurna e outra nocturna. Os visitantes do portal que utilicen esta aplicación poden contemplar as paisaxes que se divisan desde estes puntos en vistas panorámicas de 360 graos. Así mesmo, poden acceder ao texto dos paneis informativos que están instalados en todos estes lugares.
Novas vistas
A xerente do consorcio, Alexandra Seara, explicou que proximamente serán incluídas no portal web novas vistas panorámicas tomadas noutros miradoiros existentes na zona. Tamén está previsto ofrecer vistas dalgúns dos principais monumentos da zona. Con este obxectivo xa se estiveron facendo probas na igrexa románica de Santa Cristina de Ribas de Sil, no municipio de Parada de Sil.
A elaboración destas panorámicas corre a cargo da empresa especializada Pangea. Por agora, o consorcio investiu nesta iniciativa cerca de 1.700 euros. «O custo total do proxecto dependerá do número de panorámicas que se inclúan na web, que é algo que aínda está por decidir», indica a xente do consorcio. Os responsables do organismo calculan que para o próximo verán xa estarán dispoñibles as panorámicas da maioría dos miradoiros turísticos existentes neste territorio.