Peregrinación polas rúas

A sinalización do Camiño de Inverno esténdese aos cascos urbanos de Monforte e Chantada


A sinalización do Camiño de Inverno no sur lucense limitárase ata agora aos tramos que discurren por zonas rurais, pero desde onte xa non é así. O Concello de Monforte e a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra marcaron con catorce sinais o trazado da ruta polo casco urbano de Monforte, o que tamén se fará proximamente en Chantada.

A presidenta da referida asociación, Aida Menéndez, precisou que o itinerario marcado en Monforte non coincide exactamente co trazado histórico reconstruído por este colectivo co apoio de diversos especialistas. «A ruta orixinal entraba en Monforte polo barrio das Cruces e pasaba por onde está actualmente a rúa Lagares, pero as vías do ferrocarril cortaron ese vello trazado, así que decidimos ofrecer un percorrido alternativo para os camiñantes actuais», explica.

A ruta, tal como acaba de ser sinalizada, entra en Monforte polo barrio de Rioseco e discorre seguidamente polas rúas de Rosalía de Castro, Coruña e Doutor Casares. Segue despois polo paseo fluvial do Cabe ata a ponte vella, continuando pola praza de San Antonio e as rúas Abeledos e Manuel María e dirixíndose logo á estrada da Vide. A partir de aí, o camiño abandona a zona urbana.

Na vila de Chantada está previsto colocar unha decena de sinais. A ruta entra no casco urbano polo barrio da Ponte e pasa pola zona da Alameda, as rúas Conde de Guadalhorce, Dous de Maio, Calvo Sotelo, Leonardo Rodríguez, praza de Santa Ana e Alférez Baanante.

Por outro lado, o Concello de Monforte e a asociación que preside Aida Menéndez colaborarán tamén no acondicionamento da ruta na parroquia de Reigada, onde o camiño pasa por varias zonas enlamadas. «Hai outros tramos rurais no sur da provincia que tampouco están en boas condicións e sería importante que os respectivos concellos fixesen un pequeno esforzo por adecentar esas paraxes», apuntou Menéndez a este respecto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Peregrinación polas rúas