A recente declaración de Ben de Interese Cultural do xacemento chairego será un primeiro paso para que outros cinco da provincia acaden tal distinción
20 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Xunta declarou este mes Ben de Interese Cultural (BIC) o castro de Viladonga, o terceiro de Galicia e o primeiro da provincia que acada tal distinción. Ata o de agora só o de Santa Tegra, na Guarda, e o de Elviña, na Coruña, tiñan a distinción de Patrimonio.
Con este paso, importante para a protección do castro chairego e da zona que rodea o xacemento (na que se atopa o museo), comeza a protección dunha serie de castros que hai na provincia: Fazouro (Foz), Santa María do Castro (Cervantes), Castromaior (Portomarín) e Vilar e Torre (Folgoso do Courel). A elección fíxose en base a criterios de conservación, monumentalidade e calidade do rexistro arqueolóxico.
A Consellería de Cultura espera que en breve tempo se vaian sumando á longa lista de BIC que hai en Lugo os citados castros. Para iso, estanse a levar a cabo os estudos para definir e delimitar os xacementos castrexos e os seus contornos de protección, para logo iniciar os trámites para declaralos BIC de xeito individualizado.
Este traballo inclúen a realización de prospeccións arqueolóxicas intensivas tantos dos xacementos como dos seus contornos. Ademais, sinalan desde Cultura que os traballos nos propios castro completaranse coa busca de datos en arquivos e en fontes bibliográficas, coa fin de recadar información completa de cada un dos castro mencionados.