«Sobre a francesada aínda hai moito que investigar»

LEMOS

O investigador e escritor lucense falou en Monforte sobre o impacto da guerra napoleónica na provincia

18 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O historiador lucense Adolfo de Abel Vilela abriu onte na Casa de Cultura de Monforte un breve ciclo de conferencias sobre a invasión francesa de 1809, que hoxe continuará -ás 20.15 horas- cunha charla da escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero. De Abel Vilela falou sobre o impacto da guerra napoleónica no conxunto de Galicia e da provincia e na cidade de Lugo.

-Despois de dous séculos, ¿queda moito por averiguar sobre a invasión francesa na provincia?

-Supoño que si, porque a nosa historiografía sobre ese período histórico é bastante cativa, aínda que hai traballos interesantes. Sobre a francesada en Galicia aínda hai moito que investigar e hai moitos aspectos que están praticamente inéditos, pero tamén hai cada vez más investigadores que traballan neste campo. Un problema que temos os historiadores é que en moitos lugares non hai documentación directa sobre aqueles feitos. Eu estou traballando precisamente sobre os sucesos deses tempos en Lugo capital e os arquivos municipais non conservan documentos da época. A investigación que fago é mediante fontes indirectas.

-¿Que importancia tivo o territorio lucense no conxunto de Galicia polo que respecta á guerra napeoleónica?

-Tivo unha importancia considerable. Por exemplo, os ataques a Monforte figuran entre os sucesos máis graves dese período. Tendo en conta o elevado número de vítimas, hai historiadores que os comparan con feitos bélicos tan importantes como o sitio de Xirona, aínda que en Monforte non houbo propiamente choques de tropas. E en Lugo celebrouse en 1808 un encontro moi destacado das xuntas de defensa de Galicia, León e Castela ao que asistiron diplomáticos británicos e no que se marcaron moitos puntos da estratexia que se seguiría durante a guerra. Foi un dos feitos que precederon á proclamación da constitución liberal de 1812.

-Ademais das grandes perdas humanas e materiais que causou en Monforte e en moitos outros lugares, ¿a invasión axudou ao progreso das ideas políticas?

-Eu diría que máis ben sucedeu todo o contrario. Hai que recordar que cando Fernando VII regresou a España en 1813, os deputados ultramontanos -ou sexa, os ultraconservadores- o instaron a abolir a constitución liberal de Cádiz, inspirada nos principios da Revolución francesa, e iso foi o que fixo. Deste xeito, unha vez que terminou a guerra, o resultado foi que España quedou gobernada polo último monarca absolutista de Europa. Aínda que os exércitos de Napoleón axudasen a propagar as ideas liberais, o que quedou despois do seu paso foi un retroceso tremendo.