En recordo da francesada

Dúas conferencias rememorarán en Monforte a invasión das tropas napoleónicas de 1809


Monforte non conmemorou ata agora o 200 aniversario da invasión francesa de 1809, aínda que este feito tivo un peso moi forte na súa historia. Pero a efeméride será lembrada con varios actos antes de que acabe o ano e con outras iniciativas que se desenvolverán no 2010.

Para esta semana están previstas dúas conferencias que foron anunciadas onte pola concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, e polo presidente da asociación Amigos do Patrimonio de Lemos, César Carnero. As charlas impartiranse mañá e o venres na Casa de Cultura, en ambos casos a partir das oito e cuarto da tarde. A primeira correrá a cargo do historiador lucense Adolfo de Abel Vilela, quen falará sobre o impacto da guerra napoleónica no conxunto do territorio da provincia. Na segunda conferencia, a escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero disertará acerca dos sucesos que se produciron en Monforte nese período histórico.

Carnero apuntou que para os próximos meses intentarase organizar outras dúas conferencias, relativas ás importantes perdas patrimoniais que padeceu Monforte durante os ataques das tropas napoleónicas e aos efectos que tivo a invasión francesa no terreo das ideas. Así mesmo, preténdese editar algúns dos documentos sobre os feitos bélicos de 1809 que se conservan nos arquivos parroquiais da cidade.

Proxecto abandonado

Por outro lado, Alicia cadarso comentou que o Concello estudou no seu momento a posibilidade de organizar unha recreación histórica da invasión francesa, solicitando a participación dos veciños como figurantes. A iniciativa, que seguiría a liña das que se organizan noutras cidades para conmemorar estes o outros feitos históricos, foi abandonada sobre todo por motivos económicos. «Nunha época de crise como esta sería bastante complicado organizar algo así, tendo en conta as dificultades presupostarias con que nos movemos», sinalou a concelleira. «Ademais, a idea era facelo por febreiro ou marzo e talvez sería moito pedir aos veciños que participasen nunha actividade deste tipo despois do esforzo que supón a cabalgata de Entroido», engadiu.

Así mesmo, César Carnero resaltou a importancia histórica os ataques que se rexistraron en Monforte en xaneiro, abril -o máis grave dos tres- e xuño de 1809, e que deixaron pegadas duradoiras. «Hai que recordar que eses feitos deixaron unhas perdas humanas moi graves e tamén causaron enormes danos no patrimonio, como o abandono e a ruína do antigo convento de San Antonio de Padua e a desaparición do tesouro da capela do cardeal Rodrigo de Castro que se gardaba na igrexa da Compañía», sinalou.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

En recordo da francesada