Turismo nunha mina romana

LEMOS

O Concello de Quiroga integrará nunha ruta de sendeirismo un singular enclave arqueolóxico localizado no 2003

28 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello de Quiroga puxo en marcha un proxecto para facer accesible ás visitas turísticas a explotación mineira romana que foi localizada no 2003 á beira do río Soldón, nas cercanías da localidade de Paradaseca. O goberno local xa obtivo permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para levar a cabo estas operacións, cuxo obxectivo é integrar esta singular paraxe arqueolóxica nunha ruta de sendeirismo de máis de dez quilómetros de traxecto que está a ser acondicionada entre a antiga ferrería de Rugando e o lugar de Ponte Soldón.

O complexo arqueolóxico consiste basicamente nun canal de varios quilómetros de lonxitude, en parte escavado na rocha viva, que tiña como finalidade conducir auga para as explotacións mineiras da zona. O arqueólogo Luis Francisco López opina que esta construción -que data posiblemente do século II- debía prestar servizo a unha mina aurífera a ceo aberto situada na zona das Medas, xunto ao casco urbano de Quiroga. Nun dos seus tramos, o canal pasa a través dun túnel duns vinte metros de lonxitude que foi escavado nun esporón rochoso coñecido como Peno Furado.

Localización

O canal e o túnel foron localizados -coa axuda dun veciño de Paradaseca- por Carlos Rueda, experto en sendeirismo e colaborador de La Voz de Galicia, e por Antonio Ferreiro, antigo presidente do club de montañismo Brío. Aínda que o seu valor arqueolóxico foi ignorado ata entón, os habitantes da zona coñecían tradicionalmente a súa existencia. O túnel foi utilizado como refuxio por algúns veciños da comarca que fuxían da represión durante a Guerra Civil. Por este motivo, as súas entradas foron tapiadas con pedras pola Garda Civil, o que non impediu que seguise sendo utilizado posteriormente por fuxitivos ou por guerrilleiros.

O proxecto de acondicionamento que pretende levar a cabo o Concello quirogués afectará a unha área de en torno a 4.000 metros cadrados. Unha das operacións previstas consiste en despexar as entradas do túnel para que poida ser percorrido na súa totalidade polos visitantes, algo que é perfectamente posible aínda que para iso é preciso camiñar agachado, debido á escasa altura da cavidade. Así mesmo, preténdese colocar uns chanzos de madeira para facilitar o acceso a este lugar desde o camiño -situado a uns sesenta metros-, paliando as irregularidades do terreo.

Outras operacións previstas consisten en instalar barandas de madeira e habilitar un miradoiro para apreciar mellor o conxunto arqueolóxico e a paisaxe fluvial do Soldón. Ademais, instalaranse uns paneis interpretativos para explicar aos visitantes as características da explotación mineira. Por outra parte, preténdese facilitar o acceso ao menos a unha parte dos canais escavados na rocha, aínda que acceder a eles resulta bastante máis arduo que chegar ás bocas do túnel. Desde o camiño, por outra parte, poderá verse unha parte destes canais, así como dúas minas existentes nos arredores.

Con esta iniciativa, o Concello de Quiroga pretende dar un paso máis no aproveitamento turístico e cultural do importante patrimonio mineiro romano da comarca. Por agora, os xacementos mineiros desa época máis accesibles na zona son o famoso túnel de Montefurado, situado igualmente no municipio de Quiroga, e a mina da Toca, ubicada no Courel e sinalizada desde hai anos. No municipio do Courel, nas proximidades da aldea de Romeor, encóntrase por outro lado o túnel da Louseira, de características similares ao de Peno Furado.

Outras importantes explotacións mineiras romanas existentes na comarca quiroguesa son as de Torubio e Millares, no Courel, e A Moá, no municipio de Ribas do Sil.