Samuel Juárez di que «a Xunta non pode implicarse a cegas» nas ofertas por Pascual

La Voz

LEMOS

O conselleiro de Medio Rural advertiulles onte en Lugo ás cooperativas interesadas pola planta de Pascual en Outeiro de Rei que «non é de recibo que a Xunta comprometa recursos públicos en proxectos que non están claros». Quixo dicir con isto que coa información da que dispón, o goberno galego non sabe se se trata dun proxecto viable. Ten claro que o que pretenden as cooperativas é o aluguer da factoría, con opción a compra, para o envasado de marcas brancas, pero, segundo dixo Juárez, « a achega de recursos propios é moi reducida e tería que ser a Xunta a que correse con case todo o risco. Falta un plan de negocio claro e descoñecemos se existe algún acordo cunha distribuidora, polo que non podemos implicarnos a cegas, cando teñamos toda a documentación manifestarémonos ao respecto».

Juárez quixo deixar claro que a planta de Outeiro de Rei ten un dono, que será o que tome a última decisión. «As negociacións son entre firmas privadas. A Xunta non ten que adxudicar nin quitar nada, se hai acordo con Pascual, o que si podemos facer é apoiar esa iniciativa». Neste sentido amosouse estrañado polo feito de que o presidente de Pascual se dirixise á Xunta para coñecer a oferta das cooperativas, o que leva a pensar que non lla fixeron chegar directamente.