Enoloxía a base de cervexa

LEMOS

A tapería do Centro do Viño da Ribeira Sacra ofrece un menú de degustación no que non figura o viño

17 oct 2009 . Actualizado a las 16:03 h.

A tapería do Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte ofrecerá o mes próximo un menú de degustación no que, singularmente, non figuran os viños da denominación de orixe. Nos impresos que distribuíu o local para anunciar esta oferta, as únicas bebidas que aparecen mencionadas son a auga, os refrescos e a cervexa. No que respecta á comida, o menú -a un prezo de 20 euros- comprende vieiras á prancha, ballacau Donosti, presa ibérica á prancha, sorbete de mojito e crema de arroz con biscoito de canela con doce de leite.

O presidente da denominación Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, considera que esta oferta gastronómica «non é de recibo nun centro que ten como principal finalidade promocionar os viños da zona» e compara o feito coa recente polémica sobre o «viño peleón» -despois substituído por «viño novo»- que se anunciou inicialmente como un dos atractivos da Festa de Outono que se celebrará en Monforte a finais de mes. Rodríguez di estar convencido de que «estas cousas non se fan con mala intención, senón que se deben ao descoñecemento, ao non saber ben onde se está, e tamén a unha falta absoluta de sensibilidade».

Para o presidente do consello regulador, «despois do que acaba de pasar co asunto do 'viño peleón', non parece serio que o restaurante do Centro do Viño ofreza acto seguido un menú con cervexa e auga e se esqueza de mencionar os viños da denominación».

O sector vinícola, afirma, «é o que fai posible manter a paisaxe característica da Ribeira Sacra e non se pode deixar de lado en iniciativas promocionais como esta con argumentos como o de que o viño desta terra é demasiado caro. Nun lugar como ese, entendo que un menú de degustación tería necesariamente que incluír unha copa de viño ou unha botella para varias personas», engade.