A Carmen Rodríguez non lle gustaba tecer de nena, pero co tempo chegou a fabricar traxes que se lucían no San Froilán
13 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Comezou a tecer non sendo máis ca unha nena, con 12 anos. A súa nai vivía en Vilabol de Arriba, no municipio da Fonsagrada, antes de trasladarse a Navia de Suarna, onde naceu Carmen Rodríguez Álvarez. Tecía polas tardes, ao volver da escola. «Porque miña mai non quería verme xogando na estrada», recorda a propia tecelá.
Daquela non lle gustaba nada o oficio da súa devanceira, moi coñecida en toda a contorna pola tecedora Leonor. «Cando viña a xente onda nós e me preguntaban se ía seguir os pasos dela, eu axiña contestaba que non». Pero as circunstancias fórona levando por esa mestría. «E cando agora o penso..., ¡anda que se me chega a gustar!», exclama co xesto de quen leva unha vida entre lizos e premedeiras.
Con 72 anos ás costas, Carmen desvela un segredo común a tantos outros oficios, nos que para aprender non hai máis que amosar interese e deixarse levar. «Hai que traballar moitas horas e ser conscientes de que isto non é para lucrarse, anque a min foime dunha gran axuda», recoñece.
Cumpridas 24 primaveras veuse para Lugo, daquela tecía por encargo e pouco despois comezou a dar cursos. Primeiro a cargo do Inem e despois foi a Xunta quen se preocupou pola súa sabedoría. O local que tiña na rúa Rei Don García, 2, que constaba dunha entreplanta e un baixo, converteuse en centro colaborador.
Moitas lucenses acudiron alí para facer tecidos de liño, la ou algodón. «Se alguén o tiña, traíao, e se non, había que adquirilo nos comercios», sinala. Coas fibras confeccionaban colchas -que había que facer por partes-, toallas, traxes tradicionais e distintas pezas de mantelería. Daquela aínda todo se facía co ánimo de utilizalo, anque hoxendía faise moito para adorno, se ben non convén esquecer que, por exemplo, os traxes aínda se visten nos días de festa, nalgunhas vodas ou en festivos como o Domingo das Mozas, nas festas do San Froilán.
Requisitos excesivos
Todo ía ben ata que os atrancos administrativos fixeron desistir a esta artesá de seguir mantendo un local que era unha verdadeira escola de tecelás. «Esixíanme que dedicara dous locais a despachos, un para secretaría e outro para dirección». Non satisfeita a Administración, tamén lle esixían que dispuxera dous cuartos de baño. «Eu tiña un común, pero querían que puxera un para señoras e outro para cabaleiros, cando non tivera nin o primeiro», xustifica.
Carmen lamenta que a súa situación se vira seriamente danada polo Centro de Artesanía, antes denominado de Galicia. «Penso que un centro coma ese debería axudar aos artesáns e non xustamente ao contrario», opina.
O que menos lle gustou foi que non apoiaran aos artesáns lucenses. «Eu pregúntome se logo os de aquí non valiamos para dar cursos igual cós que traían de fóra», ironiza.
Con respecto á situación actual do Centro de Artesanía e Deseño engade que «agora non sei o que fan nin como funciona, a verdade».
En Fingoi
Superada aquela etapa, con posterioridade a empresa que xestionaba os cursos no centro social de Fingoi decidiu contar con ela para que impartira un de tear. E dende entón transcorreron xa 10 longos anos. Asegura estar «encantada» porque o local é como a súa segunda casa, non en van aquí consume moitas das súas horas. Atende grupos de 12 persoas e neles poden participar todo tipo de público, tanto feminino como masculino, anque só os máis cativos -que veñen co seu colexio- parecen decididos a non deixarse mediatizar por absurdos complexos. As persoas con algún tipo de discapacidade que non lles impida desenvolver o manexo dos teares tamén teñen aquí acollida. «Tecer axuda a quitar o estrés de encima, vale de terapia e ao mesmo tempo permite facer algo útil» , sostén a tecedeira.
Co gallo da pasada edición do Día da Muller Traballadora, o Concello de Lugo distinguía a Carmen Rodríguez co Premio entre Mulleres pola súa ampla traxectoria na artesanía. Nunca imaxinou que lle puideran dar un recoñecemento igual e por iso di sentirse moi conmovida. «Agradezo ao Concello que se acordara desta humilde traballadora».
Por sorte para nós, nin sequera un recoñecemento coma ese trouxo canda si para ela a tentación de abandonar o tear: «Mentres que manteña a ilusión e poida seguir botando a lanzadeira, non penso deixalo», explica.