Unha festa popular celebrará a entrega do premio Pedra do Destino aos organizadores do entroido de Brollón
21 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A asociación de veciños de Salcedo organizará o 5 de setembro un festexo popular para celebrar a concesión a esta entidade do premio Pedra do Destino, un galardón que outorga a asociación Amigos dos Museos de Galicia para distinguir as iniciativas de conservación do patrimonio histórico e etnográfico. O premio -dotado con 3.000 euros- recoñece o labor dos veciños na conservación do entroido tradicional desta parroquia da Pobra do Brollón, que comprende a peculiar festa do Oso de Salcedo.
A concesión deste premio foi anunciada o pasado maio, pero a asociación veciñal decidiu esperar ata finais do verán para organizar a entrega do galardón, a fin de conciliar os calendarios dos diferentes colectivos que tomarán parte na celelebración. A asociación veciñal ten previsto organizar un xantar e diversas actuacións musicais e folclóricas para completar a xornada.
A celebración coincidirá por outro lado coa segunda parte do congreso sobre as festas etnográficas do sur lucense que organiza a asociación cultural Lugopatrimonio e diversos colectivos da zona. Este simposio, que se desenvolverá desde o 30 de agosto ata o 8 de setembro, conta coa participación dos colectivos que organizan os carnavais tradicionais de Salcedo e da ribeira de Chantada, os folións de Castelo (Taboada) e Vilelos (O Saviñao) e as danzas da Cervela (O Incio).
A concesión do premio Pedra do Destino supón un novo recoñecemento ao labor realizado para manter viva unha tradición festiva de especial valor histórico que en Galicia só se conserva na parroquia de Salcedo. Outras festas de similar carácter seguen celebrándose hoxe en día nos Pirineos e noutras rexións europeas.
En tempos recentes, o Museo Internacional do Carnaval e da Máscara da cidade belga de Binche -recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade- incorporou ás súas coleccións unha réplica do traxe que utiliza o personaxe do Oso de Salcedo.