O museo do Quiroga restaura un dos primeiros coches da comarca

LEMOS

28 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dous traballadores adscritos ao plano Laxa participarán nun singular proxecto de recuperación do patrimonio histórico de Quiroga. Coa súa axuda, o museo etnográfico municipal restaurará un dos primeiros automóbiles que circularon no municipio e seguramente o máis antigo que se conserva na comarca. O vehículo ofrece ademais a particularidade de non pertencer a ningún modelo comercial concreto, xa que foi fabricado con pezas de diversa procedencia por Salvador Ontiveros, un coñecido veciño de Quiroga -falecido no 2002 aos 103 anos de idade- que se distinguiu pola súa capacidade inventiva e polas múltiples actividades que desempeñou na súa vida.

Segundo explica Ramón Vila, coordinador do museo etnográfico, a data de fabricación do peculiar automóbil non se coñece con exactitude, pero en todo caso hai que situala cando menos na primeira metade da década de 1930. «Salvador Ontiveros tamén fabricou un autobús co que transportaba aos veciños á estación de San Clodio, do que temos a certeza que estaba en servizo en 1935», comenta a este respecto. «Polo que sabemos, antes do autobús, que non se conservou, xa fabricara este coche», engade.

O vehículo, dotado dunha soa praza, foi construído a partir dun motor Barreiros de cincuenta cabalos, cunha carrocería de ferro e unha caixa de ferro e madeira. Segundo recordan os seus familiares, o fabricante intentou utilizalo tamén como tractor, pero desistiu ao comprobar que non tiña utilidade para esta función. Cando deixou de circular no coche, aproveitouno para montar unha serra mecánica nun alpendre da súa vivenda e alí foi onde se conservou durante moitos anos.

Reparacións

A familia cedeu o vehículo ao museo etnográfico xa hai arredor dun ano, pero ata agora non fora posible restauralo por falta de persoal para levar a cabo o traballo. A súa restauración, segundo calculan os responsables, durará entre quince e vinte días, pero iso depende de diversas pezas que falta aínda por conseguir. «Gustaríanos arranxarlle o motor e que puidese ir rodando por si só ata o museo, pero aínda non sabemos se iso será posible», apunta Ramón Vila. «En todo caso, quedará exposto alí de forma permanente como unha mostra dos inicios da circulación rodada no municipio e do enxeño dos seus veciños», agrega.

Salvador Ontiveros foi carpinteiro e mecánico autodidacto -entre outras ocupacións- e, ademais do mencionado autobús fabricado por el mesmo, posuíu a primeira sala cinematográfica que existiu en Quiroga. O local servía tamén como salón de baile e el mesmo tocaba o piano para animar as veladas. «Non só proxectaba películas na vila, senón que tamén andaba co proxector por moitas localidades da comarca e é posible que máis dunha vez utilizase nesas viaxes o coche que estamos restaurando», sinala Vila. No museo consérvase tamén outro dos seus inventos, unha máquina para preparar xeados.