Francisco Sineiro: «Arredor do 50% do leite que se consume hoxe en Galicia é de marcas brancas»
LEMOS
A xornada celebrada onte no recinto feiral lucense tamén contou coa participación do profesor Francisco Sineiro, quen se referiu á situación actual e ás perspectivas do mercado do leite e dos produtos lácteos. Logo de repasar o momento polo que atravesan os mercados internacional, europeo e español, Sineiro apuntou que existen considerables diferenzas en canto a prezos en países coas mesmas regulacións, como é o caso de Grecia, Italia e España. A pesares de que na maioría dos países a produción é superior ao consumo, o destino final do leite varía bastante. Así, tal como indicou Francisco Sineiro, en España, o cincuenta por cento do que se recolle dedícase a leite envasado. Por outra banda, o equivalente ao setenta por cento da produción de leite é importado en forma de queixos. No caso de Galicia, a maior parte do leite que se recolle ten que ser vendido fóra. No momento actual, nesta comunidade «cerca do cincuenta por cento do leite que se consume actualmente é de marcas brancas». Con vistas ao futuro, este profesor augurou que as reformas na Unión Europea e a desaparición das cotas derivarán nunha maior inestabilidade e dependencia. Así as cousas, Sineiro afirmou que «en Galicia o prezo do leite vai depender cada vez máis do mercado internacional», polo que considera necesario un acordo de prezos, que «non é a solución, pero axuda a estabilizar o mercado».