Martínez sinte non poder estar co equipo mañá en Miranda pero estará moi pendente do partido, desexando o ascenso
13 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Faltan menos horas para que o Ribeira Sacra se mida ao Miranda. A expectación é máxima, xa que as xogadoras de Volodymyr Prokopovich poden conquerir o ascenso. Este éxito xa o logrou hai trece anos Manolo Martínez dende o banquillo.
-¿Que lembra daquela data?
-Recordo o gran apoio que tivemos da afección monfortina. Perdemos a semifinal contra Murcia e ao día seguinte xogabamos polo terceiro e cuarto posto. Eran as dez da mañá e o polideportivo estaba ateigado de público. Foi moi bonito.
-Mañá non poderá seguir o partido na cancha de Miranda.
-Sinto moito non poder estar co equipo neste intre tan importante. Intentarei seguilo a través de Internet ou ben por teléfono en contacto permanente con Mareque.
-¿Que suporá para Monforte o ascenso de categoría?
-Hai que por os pés na terra, posto que aínda non conquerimos nada. Será moi bonito que Monforte volte a estar na élite do volei nacional. Teño un desexo enorme de que esto se produza xa. Despois de moitos anos aínda non se valora o que foi o voleibol en Monforte e no conxunto da Ribeira Sacra. Se alguén quere refexionar, iste pode ser un toque para darlle máis axuda ó clube.
-¿Como ve o encontro ante Miranda?
-Será un partido difícil por doble motivo. Por unha parte, Miranda necesita gañar para non quedar descolgado das eliminatorias de ascenso, e por outra as nosas xogadoras terán a presión engadida de ter que facer dous sets. Esta cuestión pode ser determinante para xogar ben ou mal. O que está claro é que será un encontro bonito de ver. Eu penso que temos equipo para gañar. Aválanos a regularidade de toda a tempada.
-¿Cómo está o plantel?
-Falei con Sara, e díxome que queren sacar adiante esto xa.
-¿Foi o ascenso o mellor intre da súa carreira?
-O ascenso foi o culme de levar un equipo dende cero ata a élite do voleibol nacional. Ademáis, tamén me quedo cos campeonatos de España cadete e xuvenil en Palma de Mallorca e Torrelavega.