Mariño falará dos carnavais de Chantada e Salcedo no congreso etnográfico que organiza Lugopatrimonio
11 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Catedrático de antropoloxía da Universidade de Santiago e autor de numerosos estudos sobre as tradicións populares galegas, Xosé Ramón Mariño Ferro abrirá o próximo día 22 o congreso etnográfico que a asociación Lugopatrimonio dedicará aos carnavais rurais de Chantada e A Pobra do Brollón.
-¿De onde proceden os rituais do Entroido Ribeirao e do Oso de Salcedo?
-Teñen as mesmas orixes que moitos outros carnavais rurais de Galicia e de toda Europa, porque a cultura tradicional galega está totalmente insertada na cultura tradicional europea. A esta festas non hai que lles buscar orixes na prehistoria ou no paganismo, como veñen repetindo os tópicos desde hai un século, senón na tradición popular medieval. Un aspecto fundamental é o papel que desempeñan as máscaras de animais e hai que preguntarse que significan estes disfraces para entender o sentido destes festexos. Na festa do Oso de Salcedo, a figura do animal é básica. No Entroido Ribeirao tamén están representados os animais, pero dun modo máis indirecto, a través dos chocallos que levan os danzantes e dos disfraces dos mecos.
-¿E que significan as máscaras de animais?
-A resposta hai que buscala nos autos sacramentais e nos bestiarios, os libros medievais que describían figuras de animais. Estas figuras simbolizan o corpo e a carnalidade, a parte animal do home, porque o carnaval é a festa da carne. Na cultura medieval, como se pode ver tamén nas esculturas románicas, ninguén se escandalizaba por falar libremenente das cousas do corpo, a comida, o sexo... Estes festexos inscríbense nesa mentalidade, que chegou ata a nosa época nas tradicións do mundo rural.
-O Oso de Salcedo é hoxe a única figura carnavalesca deste animal que se conserva en Galicia, pero parece que houbo máis.
-Si, nas festas de Betanzos tamén apareceu un oso ata os anos 20, e houbo outras parecidas noutros lugares de Galicia. Noutros países de Europa tamén se conservan moitas festas do oso, sobre todo en Franza.
-¿Que valor cultural teñen hoxe estes festexos?
-Son moi interesantes e dignos de ser conservados, pero non só polo seu valor arqueolóxico nin pola súa curiosidade. Son importantes porque nos falan dun tipo de sociedade e duns ideais dos que aínda temos moito que aprender. Non debemos ver estas manifestacións da cultura rural tradicional como algo atrasado ou superado. Son tradicións que proceden do cristianismo medieval, que en certos aspectos era moito máis tolerante que o cristianismo moderno. O entroido rural é un patrimonio de sabedoría, unha cousa moi seria sobre a que debemos reflexionar, e non unha simple curiosidade do pasado.