O alcalde, como un veciño máis

Alberto López alberto.lopez@lavoz.es

LEMOS

San Clodio, a capital de Ribas do Sil está de festas, e alí, celébrano ao grande, claro está, dentro das suas posibilidades económicas. Pero ás veces o diñeiro non o é todo. O bo ambiente e o sentido do humor poden facer que a máis humilde das festas sexa á vez a máis animada e divertida. E se non, que llo digan ao alcalde de Ribas do Sil, Miguel Sotuela , que onte, aproveitando o momento do café na tradicional comida popular coa que comezan estes festexos, achegouse a charlar -fumando un enorme puro- con moitos dos asistentes, cos que compartiu bromas e gargalladas como un veciño máis. Era sen lugar a dúbida un dos que máis animaban a festa. Iso é un alcalde cercano. Cuestión de perspectiva. Cercano como se mostraba onte o debuxante, escritor e ilustrador coruñés Suso Cubeiro durante a súa visita ao IES Río Cabe de Monforte, onde acudiu para darlles aos rapaces de primeiro de ESO unhas nocións básicas de ilustración. Como non podía ser menos tratándose do autor do coñecido libro infantil Larita e aproveitando que o centro se sumou á celebración do 125 aniversario do ferrocarril en Monforte, Cubeiro centrouse no debuxo con temática ferroviaria. O máis importante nestes debuxos, a perspectiva. Polo menos, iso di o experto.

O que tiña un aspecto incrible desde calquera perspectiva era o novo vehículo adaptado -unha moderna furgoneta da marca Ford- que Caixanova entregou onte en Monforte á asociación Prodeme. Para recollelo achegáronse á oficina que a entidade bancaria ten na Avenida de Galicia Dolores Diéguez e Mari Carmen Paredes respectivamente presidenta e secretaria da asociación. Do outro lado, representando a Caixanova, estaban o director da oficina Pablo Pena , Gabriel González Eiroá , xefe territorial, e o director de comarcas, Carlos Ramos , entre outros. Como cabía esperar, as representantes da asociación monfortina estaban encantadas co novo vehículo, que por certo ven completamente adaptado ata para poder transportar a persoas en cadeira de rodas. Isto si que é un agasallo.