A cámara web instalada sobre os canóns do Sil e que se podía visualizar na páxina da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) non funciona dende hai dous anos, segundo denunciou o PP. Fontes da Xunta sinalan que está derramada, mentres que os populares manteñen que a infraestrutura está en perfecto estado. Segundo Raquel Arias, alcaldesa de Sober, esta é unha mostra máis da desidia e falta de sensibilidade ca Ribeira Sacra por parte da Xunta.
Os populares consideran que este servizo, que agora permanece inutilizado, é un importante escaparate promocional para esa zona. «Esta situación non é máis que un punto e seguido da falta de interese absoluta por parte dun goberno que non cre non interior de Galicia, na zona sur de Lugo e no seu enorme potencial» lamentan os populares. As cámaras web foron instaladas hai unha década «cunha forte inversión por parte do Goberno do Partido Popular», segundo afirman dende o PP. E engaden, «contribuíndo dun xeito salientable a proxectar na rede zonas de especial atractivo turístico como é o caso da Ribeira Sacra, e dos canóns do Sil en particular».
Os populares tamén denuncian que a cámara web instalada sobre os canóns do Sil apareza na páxina da CRTVG como se o seu funcionamento fose normal aínda que resulte imposible acceder a ela. Pola contra, onte a páxina non ofrecía aos internautas a cámara situada na Ribeira Sacra. A deputada Susana López Abella levará esta cuestión ante o Parlamento Galego, onde pedirá que o servizo sexa restituído.