Preparándose para as festas

Natalia Díaz

LEMOS

Os programas dos festexos patronais de Monforte xa están á venda na oficina municipal de turismo e nas librerías

02 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, presentou onte no Concello o programa das festas patronais de Monforte e anunciou que os programas están dende onte a tarde á venta na oficina municipal de turismo e nas librerías da cidade. Para aquelas persoas que non desexen adquirir o programa, que custa 1,5 euros, terán á súa disposición na casa da cultura un folio resumo no que se inclúe a programación dos festexos. Tamén se presentou o cartel das festas, elaborado por Roberto González, e no que aparece o cartel feito por seu pai hai 50 anos.

A primeira parte do programa está dedicada ás festas patronais e a segunda ás actividades do verán cultural que se desenvolven nos meses estivais en Monforte. Ao longo das festas desenrolaranse numerosas actividades para os cativos, que incluirán xogos infantís pola mañá e talleres de maxia, títeres e circo polas tardes.

Ademais das actuacións estelares de Mojinos escozíos, Los tigres del Norte, Gwendal e Los secretos, que terán lugar ás 00.30 horas na Praza da Compañía, todos os días haberá actuacións musicais antes e despois dos concertos. O 11 de agosto comezarán os actos previos ás festas, co pregón da escritora Olga Novo, natural da Pobra do Brollón e moi ligada a Monforte, xa que realizou os seus estudos na cidade de Cabe. Tamén terá lugar o concerto pop rock Galicia Central na praza de España a partir das 21.00 horas, no que participarán Sochantre, Momentos de duda, Lapanaback e Alterazión del orden.

O día da patroa sairá da praza de San Antonio unha comitiva formada por autoridades e veciños cara a Igrexa de San Vicente, onde terá lugar unha misa e a ofrenda floral á Virxe de Montserrat.

O sábado 16 de agosto celebrarase o día do gaiteiro e co fin de informar en que barrio tocará cada grupo, o programa inclúe un mapa indicativo. Ás 13.30 horas reuniranse todos os grupos musicais na rúa Cardenal e tocarán ata as tres da tarde.

O programa das festas tamén inclúe un artigo de Francisco Albo, Antón Lopo, Iván Álvarez Menayo e Luís Conde, e unha relación das competicións deportivas que se realizarán con motivo dos festexos.