Alivio para pais, goce para nenos

LEMOS

Os campamentos infantís de «Vive o verán en Lugo» facilitan a conciliación familiar a decenas de proxenitores que traballan durante os meses de xullo e agosto

31 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

De nove da mañá a oito da tarde. Ese é o horario dos campamentos urbanos Vive o verán en Lugo, dirixidos a rapaces de entre 4 e 16 anos, e impulsados polo Concello. ¿Obxectivo? Ofrecer unha alternativa ás familias da cidade nas que os pais traballan durante os meses de xullo e agosto, cando todos os nenos están de vacacións.

Felipe, de 9 anos, Alejandro, de 12, Daniel e Aaron, de 8, e Jose, de 11 anos, atópanse nesa situación. Eles son un dos sesenta cativos que toman parte no segundo turno, que concluirá hoxe á tardiña. «Os meus pais están traballando e aquí divírtome moito», subliñou onte Felipe, nun descanso dos xogos no campo que rodea o Pazo de Feiras e Congresos, onde teñen lugar boa parte das actividades.

«Para los padres que trabajan es una facilidad, porque aquí los niños tienen todo cubierto, se divierten y aprenden», engadiu a directora de actividades para os máis pequenos, Marta Ría.

Cada campamento ten unha duración de 15 días -ao longo do verán hai catro- e un custo de 195 euros. En cada un fórmanse polo menos dous grupos: un «para os pequenos», de 4 a 8 anos; e outro «para os grandes», de 9 a 16 anos. Segundo explicou onte o coordinador dos campamentos, Jesús Vázquez Tallón, a oferta inclúe actividades de carácter lúdico, como xincanas ou xogos acuáticos na piscina do Club Fluvial; pero tamén actividades deportivas relacionadas, entre outros, con prácticas minoritarias como o béisbol e o rugby.

Distintos espazos

Nos campamentos desprázanse, entre outros, ao polideportivo O Palomar e ao campo municipal da Cheda. Así mesmo, a través do Inludes realizan saídas culturais ao Centro de Interpretación do Rato e ás Insuas do Miño, en Rábade, incluídas na Reserva da Biosfera.

Tamén visitan a granxa escola de Garabullos, en Sistallo (Cospeito) e organizan obradoiros formativos sobre integración ou reciclaxe. «O do turno anterior foi moi interesante porque tiñamos un neno de Chernóbyl no campamento», indicou o responsable da iniciativa. Os «grandes xogos», nos que participan todos, conseguen que os pequenos o pasen en grande.

«Me gustó mucho conocer nuevos amigos», comentou onte Daniel. «Lo que más nos gustó fue ir al parque acuático de Cerceda y la acampada», indicaron Alejandro y Aaron.

Non en van, segundo detallou Jesús Vázquez, en cada quenda, se a climatoloxía o permite, acampan unha noite ao aire libre nas inmediacións do recinto feiral. «Se chove ou vai mal tempo facémola dentro do edificio. Aos nenos encántalles porque temos actividades ata as dúas da mañá polo menos», destacou o responsable de Vive o verán en Lugo.

Reagrupación pioneira

Trátase da primera edición na que o Concello aposta por reagrupar nun só os diversos campamentos que planificaba outros anos a través das concellerías de cada ámbito. «É unha experiencia pioneira», concluíu Vázquez Tallón.