«En Chantada estamos servindo de referente para outros concellos»

Carlos Vázquez

LEMOS

Guillermo García Freire leva 14 anos sendo o coordinador das escolas deportivas de Chantada que contan con 636 persoas, na súa maior parte chantadinas anque tamén hai algunha xente de Carballedo, Rodeiro, Taboada, Escairón e Monterroso.

-¿Son un referente para outros concellos?

-Pois si, porque xa hai cinco concellos que nos pediron asesoramento e iso sempre anima.

-¿Que salientaría como algo distintivo con respecto ao que se fai nos outros municipios?

-A diferenza do que se fai noutros sitios, o Concello de Chantada é quen se encarga de contratar directamente. Na actualidade temos a seis persoas contratadas a xornada completa.

-¿Por que cre que non se fai máis?

-O certo é que cada vez hai máis concellos que se encargan desta labor unha vez que son conscientes de que os clubs non poden afrontalo todo.

-¿Cal é o problema, logo?

-Primeiro porque hai poucos clubs e segundo porque lles resulta difícil chegar a tantas actividades como pode ofrecer un organismo público.

-A propósito diso, ¿cantas actividades se inclúen nas escolas deportivas de Chantada?

-Temos vinte e nove actividades repartidas para nenos, adultos, discapacitados e tamén xubilados. Hai dende fútbol e baloncesto ata karate ou psicomotricidade e patinaxe artístico. O máis novo é o Tai Chi, ioga e billar.