Música e tradición no Courel

Natalia Díaz

LEMOS

Xosé Lois Foxo organizará un ano máis o Filandón de Músicas do Courel na antiga ferrería de Seoane

10 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O vindeiro 20 de xullo celébrase a partir das 18.00 horas unha nova edición do Filandón de Músicas do Courel no entorno da antiga ferrería de Seoane. O festival, organizado por Xosé Lois Foxo, incluirá as actuacións de cantores da serra, poetas e brindeiros. Tamén contará coa presenza de Míriam Figueiras, que presentará o cedé Cantares populares , e Sons da Eira, o dúo de acordeóns formado por Helena Sousa e Daniel Meiriño.

Os asistentes ao festival poderán contemplar unha mostra tradicional de instrumentos, discos e libros e desgustar os feixós con mel do Courel e outros produtos da zona. Tamén se presentará o cedé recopilatorio de pezas musicais da orquestra Os Padernes e porase a funcionar a ferrería na que se celebra o festival.

Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e promotor do Filandón de Músicas do Courel, indica que a filosofía do festival «é poñer en valor o patrimonio musical popular, dende cantores a instrumentistas do Courel e dos concellos cos que limita, como Samos, Incio ou Quiroga, xa que todos estes lugares forman un tronco común de cultura musical».

Como novidade respecto ás anteriores edicións, Foxo adiantou que se «presentarán tres deuvedés que recollen as actuacións dos dez filandóns anteriores e haberá invitados doutras zonas de Galicia».

Entre os cantores e brindeiros locais, estarán Hilda de Ferreirós, Francisco Iglesias Touzón, a avoa do filandón Elvira Touzón de Santa Eufemia, os músicos de Louceiriños e o brindeiro Ribeira de Louzarela, un dos últimos brindeiros da montaña lucense.

O festival, que xa vai pola undécima edición, ten cada vez máis interese, con asistentes non só de Galicia, senón doutras zonas de España. De aí que os seus promotor xa iniciasen os trámites para conseguir que teña a categoría de festa de interese turístico.

Ademais de organizar o filandón, Xosé Lois Foxo está ultimando os detalles do terceiro tomo de Músicas do Courel, que recolle en torno a 600 composicións da serra e que é un intento máis por recuperar e conservar a tradición musical local.