Libros de segunda man, a bo prezo

Iolanda Fernández

LEMOS

Póñense á venda máis de 40.000 exemplares nas oito casetas instaladas na Praza Maior. Ademais de revistas, carteis publicitarios e cómics para tódalas idades.

06 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

No día de onte foi inaugurada a XVII Feira do Libro Antigo e de Ocasión, que estará instalada no fondo da Praza Maior ata o vindeiro día 20 de xullo.

Nesta feira participan oito libreiros de varias provincias españolas. O único posto galego é o de Maxtor (Vigo). Dende Madrid achegáronse ata Lugo as librerías Pedro de la Puente e Bibliomanía. Dende Valencia e Valladolid, Al Tossal e Libros Pariente, respectivamente. E, dende máis preto, Ponferrada, León e Asturias as librerías Cajón de Sastre, Camino de Santiago e Libros Personajes.

Cuestión de gustos

Paseando con moita calma e rebuscando neste inmenso baúl dos recordos, un lector pode atopar dende grandes clásicos da historia universal como Mussolini, el fascismo, editado en 1929 ata a homenaxe que lle fixo A Nosa Terra a Alfonso Rodríguez Castelao en Bos Aires trala súa morte en 1950.

Coa intención de recuperar determinadas obras, Libros Pariente edita unha serie de edicións facsímiles para poñer ao noso alcance publicacións tan peculiares e dispares como Manual del Cortejo ou o Manual del buen albañil.

Os clásicos

Con todo, e a pesares do esforzos realizados, hai unha serie de publicacións que os lucenses buscamos con certa nostalxia. Unha delas é a Enciclopedia Álvarez , pola que poderemos chegar a pagar entre 20 e 60 euros, dependendo o estado no que se atope cada exemplar.

Coleccións completas ou números de determinados cómics como Capitán Trueno, Clara Luna, Esther ou El Jabato son obxeto de búsqueda e pódense adquirir por só un euro. E, para os fanáticos do sétimo arte, véndense a prezos moi asequibles programas de cine de películas como Casablanca, Lo que el viento se llevó ou a española ¿Dónde vas Alfonso XII?