Mañá comeza na Casa de Cultura de Monforte un ciclo de cine galego que se desenvolverá ata novembro
18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Na Casa de Cultura de Monforte comezará mañá unha nova etapa do programa Cinemas dixitais que se desenvolverá ao longo de case seis meses, ata o 17 de novembro. Se a primeira edición deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura se centrou sobre difusión de filmes galegos de ficción producidos para a televisión, nesta ocasión dedícase exclusivamente aos documentais de temática social e histórica, e comprenderá a proxección de dezaoito obras.
O ciclo cinematográfico divídese en catro bloques temáticos dedicados, respectivamente, aos movementos sociais, á emigración, ao urbanismo e á vivenda e á memoria histórica. Todas as proxeccións serán ás oito da tarde e antrada será libre.
A serie principiará coa proxección de As Encrobas , un documental realizado por Xosé Bocixa Rei que narra o conflito desatado en 1977 na localidade coruñesa do mesmo nome a causa da expropiación das terras e vivendas dos veciños para abrir unha explotación mineira. Os enfrontamentos que se produciron por este motivo causaron un forte impacto na sociedade galega nunha época tensa en que a ditadura franquista aínda estaba moi recente. Na segunda sesión, o día 28, poderá verse Historia dunha parroquia , unha obra dirixida por Marcos Nine Búa que conta a chegada dun novo párroco á aldea coruñesa de Xestoso e as relacións que o crego establece cos veciños para gañar a súa confianza.
Clima e idioma
A terceira entrega do ciclo -o 2 de xuño- terá un carácter bastante diferente das anteriores. Este documental, dirixido por Ruth Chao e Javier Silva, títulase 2050: How soon is now? , está falado parcialmente en inglés e aborda o problema universal das mudanzas climáticas. O 9 de xuño proxectarase a cuarta película do bloque Movementos sociais , que trata tamén dunha cuestión diferente. É unha obra do realizador Rubén Pardiñas, titulada Fronteiras , que percorre os límites xeográficos e culturais de Galicia.
Nas seguintes sesións, o mundo da emigración será abordado nas películas V ilaboa, mirando á Meca , Cabo Verde, Sabi e Mundo Bazar -que se proxectarán o 16 de xuño- e BS. AS. , o 23 de xuño. No terceiro bloque de documentais, dedicado aos problemas da vivenda e do urbanismo, proxectaranse os filmes Un metro cadrado , A casa de Lola de Andrés -o 30 de xuño- e Cidade perdida , o 7 de xullo.
As proxeccións cesarán durante o resto do verán e recomezarán o 6 de outubro. Desde entón ata o 17 de novembre poderán verse os documentais Bandoleiros ou guerrilleiros? , Lobos sucios , Traballadores do contrabando , A memoria dos tempos do volfram , Memorial de Camposancos , Os Satélites e Isaac , que abordan aspectos moi diversos da historia recente de Galicia.