Ao mesmo tempo que daba a coñecer a creación das novas áreas de paisaxe protexida, o Consello Galego de Medio Ambiente presentou os planos de ordenación dos recursos naturais que servirán de base para os futuros parques naturais dos Ancares e de Baixa Limia-Serra do Xurés. Este organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, porén, non adiantou por agora ningunha novidade con respecto ao proxecto do parque natural do Courel. «De momento non se falou nada máis dese asunto», segundo admiten fontes desta consellería, que tampouco quixeron indicar dunha forma concreta cando poderán levarse cabo novas iniciativas neste terreo.
En principio, estaba previsto que na primavera do ano pasado comezasen a celebrarse as consultas que pretende levar a cabo a consellería entre todos os sectores que poidan estar implicados dunha forma ou outra no na creación do parque natural, como os concellos, as asociacións veciñais, culturais e profesionais, os colectivos ecoloxistas ou a comunidade científica. O inicio desta serie de reunións foi aprazado posteriormente e desde entón Medio Ambiente non sinalou ningunha data para a súa celebración, nin sequera dunha maneira aproximada.