As xornadas de anelamento de Bóveda poderían converterse en permanentes

La Voz

LEMOS

A elección de Monforte para celebrar o congreso ornitolóxico supón un novo recoñecemento do especial interese que ofrece para o estudo das aves a comarca de Lemos, unha zona situada nun dos principais corredores migratorios do noroeste da Península. Nos últimos anos, numerosos intergantes de diversos grupos galegos de investigación levan a cabo no municipio de Bóveda unhas xornadas de captura e anelamento de aves para avaliar a situación actual das poboacións estables e migrantes das numerosas especies presentes na zona.

As últimas xornadas de anelamento desenvolvéronse entre o 21 e o 24 de setembro do pasado ano na parroquia de Ribas Pequenas e congregaron a membros dos grupos de anelamento Hércules, Anduriña, Píllara e Torquilla. Estas asociacións estudan agora a posibilidade de institucionalizar dalgunha forma estas xornadas e de seguir levándoas a cabo permanentemente,con periodicidade anual ou bianual. Un dos obxectivos da iniciativa é estudar as poboacións de papuxas, unha ave característica do sur lucense que nas últimas décadas padece un forte retroceso demográfico.