Viños e tradicións a pleno sol

LEMOS

O tempo precozmente primaveral favoreceu a primeira xornada da Feira do Viño de Chantada, na que se ensaian fórmulas de promoción turística para a zona

02 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ceos despexados e temperaturas suaves favoreceron onte a primeira xornada da 27 edición da Feira do Viño de Chantada, que abriu o tradicional ciclo anual das feiras vinícolas da Ribeira Sacra lucense. A inauguración correu a cargo do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, quen acudiu acompañado polo seu delegado provincial, Emilio López, e recordou na súa alocución as diversas iniciativas relacionadas co sector que se levan a cabo na actualidade -como o museo do viño que se está acondicionando en Monforte ou as liñas de axuda para instalar autocargadores nos viñedos das áreas montañosas- , enaltecendo «o esforzo diario de viticultores e adegueiros» e a «decidida aposta que se fixo polas castes autóctonas», así como a singularidade paisaxística da Ribeira Sacra.

O conselleiro inaugurou a feira ao mediodía, un momento en que a afluencia de público, aínda tímida, comezaba a medrar con rapidez para seguir incrementándose durante o resto da xornada, de acordo coa tónica habitual deste festexo. Entre os visitantes máis madrugadores estiveron o histórico líder nacionalista Xosé Manuel Beiras e os escultores Manuel Buciños e Antonio Fernández Dorrego, naturais ambos do veciño municipio de Carballedo.

Ademais das casetas dos dezanove adegueiros da zona -nas que se poñen á venda unhas 20.000 botellas-, tamén atraeron a atención dos visitantes as novidades que ofrece a feira este ano. Unha delas, a carpa instalada polo Concello no recinto feiral para a promoción turística do municipio e da Ribeira Sacra en xeral, loxicamente dirixida en primeiro lugar aos forasteiros, na que se se mostran os atractivos da zona mediante imaxes, paneis explicativos, folletos e pezas etnográficas. Outro foco de interese para foi o recén inaugurado muíño da Alameda, que xa foi aberto o venres. Neste edificio restaurado pola escola obradoiro municipal, os visitantes puideron ver demostracións de funcionamento do muíño e unha exposición sobre a cultura fluvial tradicional do entorno do Miño.