A principal rúa medieval de Monforte, que será rehabilitada en breve, coñeceu un longo proceso de abandono e decadencia urbanística que se prolonga ata hoxe
21 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Concello monfortino ten previsto adxudicar en marzo as obras de rehabilitación da rúa Falagueira, unha zona que desempeñou un papel fundamental na historia da cidade antes de coñecer, a partir do século XVI, unha longa decadencia que dura ata hoxe. Aínda que o seu aspecto actual pode recordar máis a un camiño rural que a unha rúa populosa, a Falagueira foi a principal arteria do burgo medieval e concentrou durante centos de anos a maior parte da actividade comercial e social de Monforte. A historia desta rúa pode axudar a comprender mellor a evolución urbanística experimentada pola cidade desde a Idade Media.
Segundo se desprende de numerosos indicios históricos, os 360 metros de rúa que hai aproximadamente entre as dúas portas principais do barrio intramuros -a da Alcazaba a e Nova- foron unha das zonas máis poboadas de Monforte durante moito tempo, cando o núcleo urbano estaba limitado ao monte de San Vicente. O feito de unir estas importantes entradas, de estar orientada ao sur e de ser bastante plana na maior parte do seu trazado converteuna sen dúbida nun espazo moi adecuado para construir vivendas e para abrir comercios e obradoiros artesanais.
A zona comezou a perder importancia no século XVI, época en que se iniciou a construción sistemática de vivendas por fóra dos muros da fortaleza. Nese tempo levantáronse ademais importantes edificios como o desaparecido convento de San Antonio e o Colexio do Cardeal, que impulsaron fortemente a urbanización dos terras chás situadas arredor do monte. A pesar disto, a Falagueira seguía sendo no século XVII unha das áreas con maior densidade de poboación de Monforte: 60 veciños no ano 1654, frente aos 113 que sumaban as áreas agrícolas de Ramberde e Os Abeledos. Nos dous séculos seguintes perdeu a maior parte dos seus habitantes e foi converténdose nunha zona cada vez máis esquecida e marxinal.
Desurbanización
Moitas das construcións que houbo na rúa noutro tempo foron caendo na ruína ata desaparecer por completo, de maneira que a zona foi adquirindo un aspecto cada vez máis desurbanizado. Os exames arqueolóxicos realizados en tempos recentes indican que durante ese período se praticaron na Falagueira diversos aterrazamentos para plantar hortas, aproveitando quizá solares de antigas vivendas. A construción dos depósitos de auga, despois da Guerra Civil, provocou ademais importantes movementos de terras, de maneira que a vella rúa ofrece hoxe un aspecto moi diferente do que presentou seguramente nos tempos do seu apoxeo.